Ir o contido principal

A Xornada Mulleres na Ciencia abordará o impacto da robótica

Con este enfoque preténdese abordar o debate e análise arredor deste campo incidindo na mirada de xénero. FOTO: Santi Alvite
Con este enfoque preténdese abordar o debate e análise arredor deste campo incidindo na mirada de xénero. FOTO: Santi Alvite
A oitava edición desta Xornada celebrarase o vindeiro 21 de abril na Facultade de Ciencias da Comunicación
Santiago de Compostela

A oitava edición da Xornada Mulleres na Ciencia abordará a robótica, un tema de “plena actualidade no eido da investigación, cun notable impacto interdisciplinar, e social polo tanto”. A Xornada Mulleres na Ciencia organízase dende o ano 2015 en concordancia coa asemblea anual da Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas de Galicia coa vontade de abordar temas de interese e actualidade na investigación así como no que afecta á fenda de xénero na academia e a na investigación. Como nas súas anteriores edicións, o encontro celebrarase no marco da colaboración entre a AMIT-GAL e a Oficina de Igualdade de Xénero da USC (OIX) coa cooperación da Facultade de Ciencias da Comunicación que será a sede da xornada. A inscrición pode formalizarse a través dun formulario electrónico (ata o 18 de abril ás 15.00 horas).

Da man de Sonia Valladades e María J. Iniesto, docentes do grao de Robótica da USC, a xornada do vindeiro 21 de abril desenvolverase ao redor da conferencia e posterior debate sobre o tema ‘Científicas e tecnólogas no sector agroforestal: retos e solucións no ámbito da robótica’. A Xornada comezará ás 16.00 horas na Facultade de Ciencias da Comunicación cun acto que presentará a delegada do reitor para a Igualdade e coordinadora da OIX, Marta Pérez Pereiro; a decana do centro, Ana Isabel Rodríguez Vázquez; e a presidenta de AMIT-GAL, María Carreiro.

Con este enfoque preténdese abordar o debate e análise arredor deste campo incidindo na mirada de xénero e tamén na do sector agroforestal, moi ligado ao territorio en Galicia. Como explican as promotoras desta sesión, o desenvolvemento da robótica seguramente “cambiará os modos de produción industrial, introducirá novas ferramentas na investigación e, consecuentemente, afectará ao desenvolvemento da vida cotiá, e por suposto ao traballos doméstico e de coidados”.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 14.04.2023.