Ir o contido principal

Unha xornada de orientación laboral analiza os vínculos entre física, economía e finanzas

Facultade de Física. FOTO: Santi Alvite
Facultade de Física. FOTO: Santi Alvite
José Manuel Crespo Contiñas, director da división de Xestión de Recursos da OCDE, abordou os elementos de peso nun proceso de selección e promoción
Santiago de Compostela

A segunda sesión da III edición das Xornadas de Orientación Laboral da Facultade de Física desenvolveuse baixo o lema ‘Física, economía e finanzas’. Ao longo dunha hora e media, José Manuel Crespo Contiñas, director da división de Xestión de Recursos da OCDE, explicou aos asistentes as oportunidades laborais que ofrece aos físicos/as o sector da economía e finanzas; o tipo de traballo a realizar, e os pasos a seguir para iniciar e desenvolver a carreira profesional no Banco Central Europeo, a OCDE ou outras entidades financeiras. Na súa intervención destacou tamén as capacidades únicas dunha persoa titulada en Física, as cales constitúen “elementos de peso nun proceso de selección e promoción”, afirmou.  

Ao rematar a súa intervención respondeu ás cuestións que formulou o alumnado. Asistiron máis de medio centenar de estudantes fundamentalmente dos últimos cursos do grao en Física. 

Traxectoria

José Manuel Crespo Contiñas licenciouse en Física na USC en 1991. Comezou a súa traxectoria profesional no Banco Pastor e no Banco Popular antes de incorporarse ao Banco Central Europeo como Senior Supervisor. Hai tres anos solicitou unha excedencia ao BCE para incorporarse á OCDE como director da división de Xestión de Recursos. Actualmente segue ligado á Física desenvolvendo a súa tese de doutoramento no marco do programa de Láser Fotónica e Visión na USC, mediante a utilización de Intelixencia Artificial para a mellora das técnicas interferométricas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 14.04.2023.