Ir o contido principal

Unha xornada na praza Roxa de Compostela divulga entre a cidadanía as particularidades do gas Radon

Organízaa o Laboratorio de Radon de Galicia da USC

O Laboratorio de Radon de Galicia da USC organiza este sábado 15 unha actividade aberta na Praza Roxa de Santiago de Compostelá que, baixo o lema ‘Día do Radon’, exporá materiais e acollerá breves charlas-coloquio, reprodución de vídeos e a presentación da primeira monografía sobre a relacións entre cancro de pulmón e radon residencial, editado polo Servizo de Publicacións da USC. As persoas que se acheguen poderán coñecer, entre outros asuntos, a lexislación laboral sobre exposición dos traballadores á radiación natural (radon e descendentes), única existente en España. A actividade, aberta a todas as persoas interesadas en horario de 10.00 a 19.00 horas, está organizada polo Laboratorio de Radon de Galicia da USC que se enmarca no Instituto de Investigación Sanitaria CHUS-USC e no CIBERESP (Centro de Investigación en Rede de Epidemioloxía e Saúde Pública), conxuntamente co Grupo de Radon da Universidade de Cantabria e co patrocinio do Consello de Seguridade Nuclear. Programa O programa de actividades comezará ás 11.00 horas cunha charla-coloquio sobre políticas internacionais de prevención e redución de radon e que dará paso a unha segunda que presentará a natureza química e características da dinámica deste gas. Ás 12.00 horas, comezará a charla ‘O radon: primeira causa de cancro pulmonar en non fumadores e segunda en fumadores’ Rolda de prensa O ‘Día do Radon’ inclúe un acto específico ás 13.00 horas para os medios de comunicación a modo de presentación oficial e rolda de prensa do evento. A esta sesión tamén están convidados representantes das consellarías de Economía e Industria; de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas; de Sanidade; e de Traballo e Benestar; dos sindicatos máis representativos de Galicia e representantes doutras institucións relacionadas con este tema. No transcurso deste sesión presentarase o volume monográfico Radón y cáncer de pulmón: epidemiología y políticas de prevención, impulsado dende o Laboratorio de Radon de Galicia no que se trata de resumir o coñecemento científico actual arredor de diversos aspectos relacionados co gas e a súa redución. Para completar a xornada, están previstas outras catro charlas sobre solucións construtivas e propostas para o Código Técnico de Edificación; proxectos de I+D+i aplicados ao Radon; actual lexislación sobre exposicións e radiación natural; e os mapas de Radon en Galicia.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 14.12.2012.