Unha xornada profundará na estreita relación entre paisaxe e nación
O territorio é un elemento clave na análise de nacións e paisaxes, e aínda que as paisaxes son recoñecidas como o resultado de procesos naturais e culturais é imposible pensar nelas sen ter en conta a pegada humana e os seus significados simbólicos. Partindo desta premisa, a Facultade de Xeografía e Historia acollerá o luns 3 de abril un encontro para reflexionar sobre a relación mutua entre a construción de paisaxes e nacións e as consecuencias culturais e políticas que se poden inferir no mundo global.
Para as nacións apátridas, argumentan os organizadores da xornada, “as paisaxes tenden a estar relacionadas co ambientalismo, a reivindicación da súa identidade e a continuidade das áreas rurais”, e pregúntanse “cómo poden defender e protexer a multiplicidade de paisaxes asociadas á súa identidade sen a administración do Estado”. Para os profesores de Xeografía da USC Rubén Lois e Juan Trillo, “mentres os estados nacionais atoparon maneiras de preservar as súas paisaxes en forma de espazos monumentais e parques nacionais, tales procesos en nacións sen estado requiren unha discusión adicional”, que será a base de discusión da xornada do 3 de abril.
No encontro, a desenvolver na Sala de Profesorado da Facultade de Xeografía e Historia, participarán especialistas das Universidades de Santiago de Compostela, Girona, Illas Baleares, Valencia, A Coruña, País Vasco e Swansea (Reino Unido), ademais de responsables do Observatorio da Paisaxe de Cataluña e do Instituto de Estudos do Territorio. Entre todos profundarán nas paisaxes e nacións como produtos culturais e políticos, analizarán as paisaxes nacionais posibles na Península Ibérica dende o punto de vista da xeografía e da literatura e debaterán como preservar as paisaxes das nacións sen estado no mundo global actual.
‘Paisaxes nacionais no mundo global’ está organizado pola USC e a Fundación Mauritus Coppieters e conta con financiamento do Parlamento Europeo. A participación no encontro é de balde e non precisa inscrición previa.