Unha xornada profundará na submisión química e nas violencias sexuais
A xornada interuniversitaria galega en materia de submisión química e violencias sexuais, organizada polas tres universidades públicas de Galicia, desenvólvese en liña este venres, 31 de marzo, a través de Teams. Para asistir é preciso formalizar o rexistro a través dun formulario electrónico.
A sesión abordará o protocolo de detección de casos de submisión química do Centro Hospitalario Universitario de Ourense (CHOU), relatorio que correrá a cargo de Francisco José Aramburu Vilariño, director de Urxencias deste centro; a atención e acompañamento das vítimas de violencia sexual, a cargo de Paula Souto Castro, psicóloga da Oficina de Asistencia ás Vítimas dos Xulgados de Santiago de Compostela; o tratamento das violencias sexuais nos medios de comunicación e a cobertura mediática dos casos de submisión química, por Marga Tojo González de Xornalistas Galegas; e as chaves para comprender as violencias sexuais en contextos de ocio, intervención que correrá a cargo de Ana Burgos García, coordinadora do Observatorio Noctámbul@s sobre as violencias sexuais en contornas de ocio nocturno e consumo de drogas (FSC).
Ademais, este mércores 29, a Oficina de Igualdade de Xénero da USC impulsa, no Seminario Butler da Facultade de Filosofía, un seminario sobre diversidade afectivo-sexual que xa ten todas as prazas cubertas. A formación desta actividade está impartida polo centro Quérote+.