Ir o contido principal

Xornada sobre programas de voluntariado e vantaxes académicas para o estudantado en Formación do Profesorado

Cartaz da xornada
Cartaz da xornada
A sesión, promovida polo Servizo de Participación e Integración Universitaria (Sepiu) da USC, desenvolverase este mércores 29 de marzo a partir das 16.00 horas

A Facultade de Formación do Profesorado do Campus Terra da USC acolle este mércores 29 de marzo, a partir das 16.00 horas, no salón de actos do centro, unha xornada sobre programas de voluntariado e vantaxes académicas para o estudantado universitario. Este foro, promovido polo Servizo de Participación e Integración Universitaria (Sepiu), a través da oficina de Voluntariado do campus de Lugo, en colaboración coa profesora Uxía Garrido Filgueira, coordinadora xeral do Practicum na Facultade de Formación do Profesorado, está orientado a estudantes de primeiro curso do grao de Mestre/a en Educación Infantil, aínda que está aberta á participación de todo o público interesado.

A coordinadora xeral do Practicum na Facultade de Formación do Profesorado da USC, Uxía Garrido Filgueira, e a responsable da oficina de Voluntariado na sede universitaria luguesa, Fátima Teixeiro, abrirán este foro sobre voluntariado cun breve acto de benvida aos estudantes presentes que tamén servirá para presentar ás representantes das catro entidades sen ánimo de lucro que intervirán como relatoras.

A xornada, programada coa pretensión de dar a coñecer á comunidade estudantil universitaria algunhas das posibilidades existentes para desenvolver actuacións de voluntariado coa infancia, contará como relatoras con Ana López, psicóloga da Asociación Raiolas Autismo Lugo; Leticia Adrio, traballadora social do Servizo de Atención a persoas xordas da FAXPG (Federación de Asociacións de persoas xordas de Galicia); Belén Fernández, coordinadora da Fundación Secretariado Xitano en Lugo, e Mara Murias de Toro, voluntaria e secretaria do grupo scout Tesela.

Alén das intervencións destas persoas, que presentarán os distintos programas ou accións nas que poden colaborar os estudantes universitarios como voluntarios, ao tempo que relatarán algunhas das súas experiencias, Uxía Garrido e Fátima Teixeiro, tamén aproveitarán este encontro con estudantes para informarlles das vantaxes académicas que reporta a participación neste tipo de programas de voluntariado, tales como son o recoñecemento de créditos académicos. O enriquecemento persoal e tamén profesional que depara o coñecemento de realidades e situacións menos coñecidas a través de accións de voluntariado en aras a ter unha visión máis axustada de cada caso tamén será outro dos aspectos sobre os que afondarán as relatoras.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.03.2017.