Ir o contido principal

A Xornada de recursos educativos en galego centra esta edición na educación musical

A Xornada de recursos educativos en galego centra esta edición na educación musical
A Xornada de recursos educativos en galego centra esta edición na educación musical

Coñecer os recursos en galego dos que dispón o corpo docente de educación musical á vez que reflexionar sobre a experiencia do seu uso e motivar para crear novos recursos é a cerna dun encontro que organiza o 21 de novembro a Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Educación. A matrícula, de balde, está aberta ata o 18 de novembro.

Existen recursos musicais en galego interesantes á hora de planificar as aulas de música nas escolas? Recollen as nosas particularidades e trazos de identidade ou, pola contra, son materiais homoxéneos e descontextualizados, que foxen desta riqueza lingüística e cultural? Que criterios se deberían ter en conta á hora de utilizar ou elaborar recursos musicais educativos?

A xornada artéllase arredor da exposición e debate de recursos e experiencias educativas relacionadas coa música: os materiais musicais do Consello da Cultura Galega; a regueifa como recurso educativo –onde se expoñerán dúas experiencias: a da bisbarra viguesa e a regueifesta-; unha análise da música en clave feminina; “crear a miña propia música” cunha ferramenta incluída no programa Abalar; “coñecendo e aprendendo co folclore e a lingua galega”, un material en liña para traballar conxuntamente a música e o galega, ou como usar a música para proxectos de aprendizaxe cooperativa. Ademais realizarase unha avaliación xeral de materiais musicais en lingua galega dende a perspectiva lingüística e cultural.

Búscase así que o alumnado da Facultade de Ciencias da Educación poida tomar conciencia da importancia que teñen os recursos educativos na práctica docente, así como coñecer de primeira man cales son os materiais didácticos en galego dos que poderá dispoñer no seu futuro profesional. Así mesmo, téntase fornecer aos futuros profesionais de estratexias e criterios que lles permitan coñecer e empregar os recursos e adaptalos e reelaboralos para atender as diferentes necesidades de ensino-aprendizaxe que se desenvolven na aula e nos diferentes centros de Galicia.

Esta undécima edición da Xornada de recursos educativos en galego, que conta co apoio do Servizo de Normalización Lingüística e a achega económica da Secretaría Xeral de Política Lingüística, pretende converterse nun espazo para o debate e a reflexión ao redor dos recursos educativos en lingua galega nos diferentes niveis de ensino. En anos anteriores este encontro versou sobre educación infantil, primaria, bacharelato, educación social, artística e de adultos.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 29.10.2018.