Unha xornada da Rede Inmunogenom cita o 29 en Veterinaria á mocidade que está a investigar no ámbito da acuicultura
A rede de Inmunoxenómica de enfermidades de peixes e moluscos (Inmunogenom), formada por investigadores da Universidade de Santiago de Compostela e do Centro de Investigacións Mariñas de Corón, promove a organización da I Xornada da Mocidade Investigadora en Acuicultura, un foro que se desenvolverá o 29 de novembro de 2018 na Facultade de Veterinaria do Campus Terra da USC.
O obxectivo desta xornada pasa por favorecer a reunión de investigadores predoutorais que traballen en temas relacionados coa acuicultura, co fin de que aproveiten este encontro para presentar e discutir os resultados das súa investigacións neste campo.
As persoas interesadas en participar neste foro de novos investigadores no eido da acuicultura poden xa formalizar a súa inscrición na web da xornada. O custe da matrícula é de 20 euros e inclúe manutención. Cada persoa inscrita só poderá presentar un traballo de investigación a debate. Os organizadores deste foro agasallarán con diversos premios aos autores da mellor presentacións e do mellor póster científico. Pódese obter máis información ao respecto deste foro na páxina web das xornadas ou tamén a través dos enderezos de correo electrónico jesus.lamas [at] usc.es (jesus[dot]lamas[at]usc[dot]es); roberto.bermudez [at] usc.es (roberto[dot]bermudez[at]usc[dot]es) e yolandatorres.corral [at] usc.es (yolandatorres[dot]corral[at]usc[dot]es).
Alén desta xornada de formación e divulgación científica, para a que xa se presentaron preto de medio centenar de comunicacións e pósters científico, a Rede Inmunogenom tamén organizará na Facultade de Veterinaria do campus de Lugo o 30 de novembro, coincidido coa celebración do Día da Acuicultura, o taller ‘Necropsia e toma de mostras en peixes’.
Este obradoiro formativo, que estará impartido por profesores e investigadores do Departamento de Anatomía, Produción Animal e Ciencias Clínicas Veterinarias agromados no grupo de investigación de Anatomía Patolóxica Veterinaria (Gapavet), é gratuíto para as persoas interesadas. O aforo está limitado a un máximo de 20 participantes e terán preferencia aqueles que tomaron parte na I Xornada da Mocidade Investigadora en Acuicultura.