A xornada ‘Xuvenciencia, mergúllate na investigación’ reúne no campus de Lugo profesores de secundaria de Galicia
A xornada ‘Xuvenciencia, mergúllate na investigación’, citará este sábado, a partir das 10.00 horas, no salón de actos do edificio Cactus do campus de Lugo, un total de 35 docentes de ensino preuniversitario procedentes de diversos centros educativos de Galicia, no marco dunha sesión de traballo promovida polo grupo de innovación docente da USC Divulgo a través da que se pretende establecer sinerxias e formar grupos de traballo entre os distintos actores do ensino universitario e preuniversitario implicados na divulgación de coñecementos científicos e técnicos.
O vicerreitor de Desenvolvemento Científico e Tecnolóxico do campus de Lugo, Andrés Barreiro, e a profesora da USC na Facultade de Ciencias e coordinadora desta xornada, Mercedes Novo, serán os encargados de dar a benvida aos participantes nesta xornada de achegamento e toma de contacto entre o ensino universitario e o profesorado de ensinanzas medias. Achegar unha visión xeral sobre o actual sistema universitario resultante do proceso de Boloña e, nomeadamente, informar sobre algunha das liñas de investigación que se están a desenvolver no campus de Lugo da USC son premisas da xornada Xuvenciencia, unha actividade orientada cara o profesorado e recoñecida por parte da Xunta de Galicia como unha actividade formación para o profesorado. A posta en marcha de actividades conxuntas no contexto científico que teñan como obxectivo fomentar o interese pola ciencia e a tecnoloxía entre o estudantado de secundaria constitúe outro dos obxectivos desta primeira edición de Xuvenciencia, un foro cuxos promotores pretenden que sirva de punto de partida para a formación de grupos integrados por docentes universitarios e preuniversitarios que traballen a prol do desenvolvemento de materiais educativos e pequenos proxectos científicos. Programa da xornada O profesor do Departamento de Enxeñaría Agroforestal da USC e coordinador para o campus de Lugo do programa ‘A Ponte entre o ensino medio e a USC’, Francisco Javier López, abrirá ás 10.00 horas, a quenda de relatorios cun coloquio sobre o actual sistema docente universitario da actualidade: Espazo Europeo de Ensino Superior, graos, másteres, créditos ECTS, competencias.. O funcionamento da investigación nas universidades, quen a fai, como se organiza, fontes de financiamento, difusión, utilidades e aplicación dos resultados... centrará a temática do relatorio que ofrecerá Juan Luis Fernández, profesor e investigador do Departamento de Produción Vexetal da USC. A coordinadora desta xornada, a profesora do Departamento de Química Física da USC na Facultade de Ciencias, Mercedes Novo, pechará o programa matinal de intervencións coa presentación dun proxecto de plataforma docente para a colaboración entre profesores universitarios e preuniversitarios. Os obxectivos desta proposta, a presentación de proxectos piloto e a posible creación de grupos de traballo serán outras das cuestións abordadas por esta relatora. Presentación de liñas de investigación O programa de tarde da xornada para profesorado ‘Xuvenciencia, mergúllate na investigación’ comezará a desenvolverse a partir das 15.30 horas coa presentación de distintas liñas de investigación que se están a desenvolver no campus de Lugo. A profesora e investigadora do Departamento de Patoloxía Animal da USC Marta López Alonso abrirá a quenda de intervencións co relatorio ‘Sentinelas do medio ambiente’. De seguido, Maribel Quiroga, profesora do Departamento de Ciencias Clínicas Veterinarias da USC, ofrecerá a charla ‘O lado invisible das enfermidades animais’. ‘Árbores en tubos de ensaio’, a cargo de Juan Luis Fernández; o relatorio ‘A auga no medio ambiente’, ofrecido pola profesora e investigadora do Departamento de Enxeñaría Agroforestal da USC Montserrat Valcárcel, e unha exposición sobre a visión das moléculas, da man do profesor e investigador do Departamento de Química Física da USC Wajih Al-Soufi, pecharán a quenda de intervencións dunha xornada que rematará logo con visitas e obradoiros nos laboratorios de investigación do campus.