Ir o contido principal

Unhas xornadas abordan a situación da crítica cultural nos medios de comunicación en Galicia

O simposio ‘Crítica e medios de comunicación’ celebrarase este venres 27 e o sábado 28 na Facultade de Ciencias da Comunicación organizado pola Asociación Galega de Crítica coa colaboración do Centro de Investigación de Procesos e Prácticas Emerxentes e o grupo de investigación Teoría da Literatura e Literatura Comparada da USC.

Nas dúas xornadas programadas, profesionais da crítica, xornalistas, escritores/as, tradutores/as e especialistas en diferentes áreas culturais debaterán e reflexionarán sobre a situación que se está a vivir en Galicia nos últimos anos no eido da crítica cultural nos medios de comunicación, as novas olladas, perspectivas e iniciativas que se puxeron en marcha, as claves da crítica en diferentes medios (cine, tv, blogs ou redes sociais), tamén a percepción que desta se ten dende outras áreas do saber e mesmo a quen vai dirixida esta produción crítica en Galicia.

Este é un evento que conta na organización con María Xesús Nogueira, Arturo Casas, Inmaculada Otero e Olivia Rodríguez, e a través do que se busca propiciar un espazo de diálogo, reflexión e cuestionamento sobre a situación da crítica cultural e algunhas das súas claves actuais.

Programa
A inauguración celebrarase ás 16.30 horas coa presenza do decano da Facultade Xosé Ramón Pousa e a da presidenta da Asociación Galega da Crítica, María Xesús Nogueira. Camilo Franco continuará a quenda de intervencións coa conferencia inaugural titulada ‘Materia escura. Todo o que nunca quixeches saber sobre a crítica’.

Xa ás 18.30 horas está programada a mesa redonda ‘A crítica cultural’ que reunirá a Arturo Casas, Isabel Mociño e Alfredo Mociño, moderados por Inmaculada Otero Varela. Seguiralles unha segunda mesa dedicada á ‘Crítica en Galicia’ coa participación de Armando Requeixo, Carlos Quiroga e Moncho Lemos, coa moderación de Isabel Mociño González. O sábado estará dedicado ao debate sobre a crítica dende fóra da crítica e a recepción da crítica. Antón Lopo encargarase de pronunciar a conferencia de clausura ‘Social ou público?’.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 26.11.2015.