Ir o contido principal

Unhas xornadas achéganse ao fenómeno da cooperación ao desenvolvemento na contorna universitaria

Cartel da iniciativa
Cartel da iniciativa
O foro organizado por USC, UDC e UVigo explorará os principais actores da cooperación co obxecto de reforzar o papel das universidades públicas como axentes de cooperación e crear sinerxías conxuntas que xeren efecto multiplicador das accións desenvolvidas no marco da Axenda 2030

As tres universidades públicas galegas únense, do 9 ao 11 de maio na celebración da Semana Galega de Cooperación Universitaria ao Desenvolvemento cunhas Xornadas en Vigo (o martes 9), en Santiago de Compostela (o mércores 10),  e na Coruña (o xoves 11 ), que tamén poderán seguirse en liña.  Promovidas pola Rede Galega de Cooperación Universitaria ao Desenvolvemento (RGCUD) que conforman UVigo, USC e UDC, as diferentes sesións achegaranse ao fenómeno da cooperación ao desenvolvemento na contorna universitaria, establecendo un foro de diálogo e reflexión entre os principais actores da cooperación co obxecto de reforzar o papel das universidades públicas como axentes de cooperación e crear sinerxías conxuntas que xeren efecto multiplicador das accións desenvolvidas no marco da Axenda 2030. “Tratarase de consolidar a cultura de cooperación e coordinación na a través de espazos e dinámicas estables de diálogo, planificación e coordinación e a posta en valor das capacidades e talentos específicos de cada Universidade”, apuntan dende a organización.

A sesión na USC desenvolverase no Salón de Graos da Facultade de Ciencias Políticas e Sociais o mércores 10 de maio e arrancará ás 9.00 horas coa conferencia de María Luz Ortega Carpio, economista especializada en Desenvolvemento, EpD e Axenda 2030 e profesora da Universidade Loyola de Andalucía, arredor da 'ODS, docencia e educación para a cidadanía global'. A seguir, terá lugar a mesa redonda 'A institucionalización da educación para a cidadanía global'. Máis tarde, a profesora da USC Silvana Longueira presentará os resultados do proxecto 'Alumnado universitario comprometido coa Axenda 2030 e o seu potencial de transformación do sistema', o que dará paso a un panel de experiencias,  que pechará a xornada de mañá. A sesión da tarde arrancará ás 16.00 horas coa actividade dos grupos de traballo en 'A educación para a cidadanía global nas unidades técnicas de cooperación das universidades. Creando rede', dirixido a persoal técnico; ' A Axenda 2030 na aula. Retos e oportunidades', dirixido a docentes e 'ODS e formación', dirixido ao alumnado. 

Inscrición 

A participación nesta sesión, como nas desenvolvidas en Vigo e A Coruña, é libre previa inscrición. O programa completo da Semana Galega de Cooperación Universitaria ao Desenvolvemento está dispoñible na web da actividade. Estas xornadas van dirixidas ao persoal docente e investigadores, estudantes, persoal universitario de servizos e administración así como a traballadores e traballadoras das entidades sociais e ao público en xeral que teña un interese especial na cooperación universitaria ao desenvolvemento (CUD).

Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.05.2023.