Ir o contido principal

As V Xornadas de Arqueometría en Galicia dedícanse á arqueoloxía do ceo

As V Xornadas de Arqueometría en Galicia dedícanse á arqueoloxía do ceo
As V Xornadas de Arqueometría en Galicia dedícanse á arqueoloxía do ceo

Por quinto ano consecutivo, a Facultade de Xeografía e Historia acollerá as Xornadas de Arqueometría en Galicia, que nesta ocasión aglutina as visións de diferentes disciplinas que estudan o ceo e o empregan como soporte para obter coñecemento do noso pasado.

As xornadas, a desenvolver os días 28 de setembro e 5 de outubro, levan tratando nas súas edicións diferentes temas de interese na arqueoloxía de Galicia, onde o peso da arqueometría é importante. Dende a colaboración con disciplinas como a xeografía, a química, a bioloxía, a antropoloxía física, a arqueoloxía da arquitectura, a arqueoloxía da paisaxe e a física, ata a reconstrución do pasado escollendo eidos particulares como a cerámica ou os hábitats, pasando pola preocupación da abordaxe do novos períodos aínda pouco abordados dende a arqueoloxía como la época medieval e postmedieval.

A inauguración do encontro, organizado conxuntamente polas Facultades de Historia e Bioloxía, será este venres 28 ás 9.00 horas e nela participarán o vicerreitor de Investigación e Innovación, Vicente Pérez Muñuzuri, e o decano da Facultade anfitrioa, Francisco Durán Villa.

Entre os relatores figuran especialistas convidados como o profesor da Universidade de Salamanca Manuel Pérez, que inaugurará o evento, e Juan Antonio Belmonte Avilés, do Instituto de Astrofísica de Canarias, que o clausurará. Entre as persoas intervintes galegas figuran Rebeca Blanco Rotea, Miguel Carrero Pazos, Olalla López Costas, David Espinosa, Marco García Quintela e Antonio Martínez, todas da USC; A. César González García, de Incipit-CSIC; e David Fernández Abella e David Santos Hernández, ambos os dous de Argos Servicios de actividades subacuáticas, S.L.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.09.2018.