Ir o contido principal

Unhas xornadas nos campus de Santiago e Lugo difunden entre os membros da comunidade universitaria as particularidades da sinatura electrónica

Unhas xornadas nos campus de Santiago e Lugo difunden entre os membros da comunidade universitaria as particularidades da sinatura electrónica
Unhas xornadas nos campus de Santiago e Lugo difunden entre os membros da comunidade universitaria as particularidades da sinatura electrónica
Logo da súa inauguración en Compostela, as xornada chegan o martes ao Campus de Lugo

O reitor da USC, Senén Barro, inaugurou este luns 26 na Facultade de Matemáticas unhas xornadas dirixidas aos membros da comunidade universitaria de difusión da sinatura electrónica. Con anterioridade ao acto inaugural, Barro obtivo a súa certificación electrónica nas oficinas de rexistro instaladas no mesmo centro compostelán. Logo da sesión celebrada en Compostela, o encontro trasládase este martes 27 á Escola Universitaria de Formación do Profesorado do Campus lugués, onde serán inauguradas polo vicerreitor de Coordinación, Carlos Herrero.
Na inauguración, Senén Barro puxo de manifesto o esforzo desenvolvido pola USC a prol do desenvolvemento das Tecnoloxías da Información e das Comunicacións (TIC) no espazo universitario, e materializado en iniciativas como a rede wifi da institución docente compostelá, a primeira de Galicia por número de usuarios. O reitor tamén se referiu ao pulo dado na Universidade compostelá de cara á universalización das mensaxes SMS á universitarios ou a súa destacada implicación no informe elaborado pola CRUE sobre o estado das TIC nas universidades españolas.
Tanto na sesión celebrada na Facultade de Matemáticas como na do martes 27 en Lugo preséntanse varios relatorios explicando os fundamentos técnicos e legais desta sinatura, así como exemplos de boas prácticas desenvolvidos nos ámbitos estatal e galego en distintas administracións públicas e universidades.
Ademais, o programa destas xornadas inclúe un taller práctico dirixido ao Persoal Docente e Investigador sobre a utilización da sinatura electrónica nas actas da USC. Este taller recolle a experiencia da primeira fase de implantación da sinatura nas actas celebrada na Facultade de Dereito e no Departamento de Matemática Aplicada, e pretende servir de plataforma para o lanzamento da segunda fase que se vai desenvolver ao longo do presente curso académico coa incorporación de máis centros en Santiago e Lugo.
De xeito paralelo ao programa de intervencións habilitáronse oficinas de rexistro para que todos os universitarios interesados puidesen obter o certificado dixital da Fábrica Nacional de Moeda e Timbre descargándoo na Tarxeta Universitaria de Identidade (TUI).
ProgramaInmediatamente despois do acto inaugural a cargo de reitor, o secretario xeral adxunto da USC, Carlos Gómez, e o director da Área TIC da USC, Javier Franco, presentaron o marco legal e técnico da sinatura electrónica. Deseguido, celebrouse unha quenda de intervencións para presentar boas prácticas en materia de procedementos dixitais en administracións e entidades públicas. Nela interviñeron representantes da Xunta de Galicia, da Axencia Tributaria de Galicia e da Universidade Jaume I.
O programa rematou coa celebración a partir das 13:00 horas do taller práctico sobre a sinatura electrónica nas actas da USC, que coordinaron Juan Trastoy, da Área TIC da USC, e Manuel Ángel Rodríguez Ruano, da División de Sistemas de Innovación Educativa de Unixest.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 26.11.2007.