Unhas xornadas nos campus de Santiago e Lugo difundirán entre os membros da comunidade universitaria as particularidades da sinatura electrónica
O reitor da USC, Senén Barro, inaugura o vindeiro luns 26 na Facultade de Matemáticas unhas xornadas dirixidas aos membros da comunidade universitaria de difusión da sinatura electrónica. Ao día seguinte, o martes 27, trasladaranse á Escola Universitaria de Formación do Profesorado, onde serán inauguradas polo vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero.
Na sesión do vindeiro luns en Compostela, que dará comezo ás 9:45 horas, presentaranse varios relatorios explicando os fundamentos técnicos e legais desta sinatura, así como exemplos de boas prácticas desenvolvidos nos ámbitos estatal e galego en distintas administracións públicas e universidades.
Ademais, o programa da xornada inclúe un taller práctico dirixido ao Persoal Docente e Investigador sobre a utilización da sinatura electrónica nas actas da USC. Este taller recolle a experiencia da primeira fase de implantación da sinatura nas actas celebrada na Facultade de Dereito e no Departamento de Matemática Aplicada, e pretende servir de plataforma para o lanzamento da segunda fase que se vai desenvolver ao longo do presente curso académico coa incorporación de máis centros en Santiago e Lugo.
Tanto na sesión prevista para Santiago como para a de Lugo, que comparten un idéntico programa de intervencións, habilitaranse oficinas de rexistro, entre as 9:30 e as 13:30 horas, para que todas os universitarios interesados podan obter o certificado dixital da Fábrica Nacional de Moeda e Timbre descargándoo na Tarxeta Universitaria de Identidade (TUI). O reitor Senén Barro será o primeiro que obteña esta certificación que se lle tramitará ás 9:30 horas, antes do inicio das xornadas. Ademais, os universitarios que realicen o trámite recibirán como agasallo un lector de tarxetas con conexión USC para conectar ao seu ordenador persoal, ata finalizar existencias.
ProgramaInmediatamente despois do acto inaugural a cargo de reitor, o secretario xeral adxunto da USC, Carlos Gómez, e o director da Área TIC da USC, Javier Franco, presentarán o marco legal e técnico da sinatura electrónica. Deseguido, o xefe de Xestión Técnica da Dirección de Coordinación Económica e Técnica da Dirección Xeral de Policía, Mauricio Pastor Serrano, presentará unha intervención sobre o Documento Nacional de Identidade electrónico. A partir das 11:00 horas, celebrarase unha quenda de intervencións para presentar boas prácticas en materia de procedementos dixitais en administracións e entidades públicas. Nela intervirán representantes da Xunta de Galicia, da Axencia Tributaria de Galicia e da Universidade Jaume I.
O programa rematará coa celebración a partir das 13:00 horas do taller práctico sobre a sinatura electrónica nas actas da USC, que coordinarán Juan Trastoy, da Área TIC da USC, e Manuel Ángel Rodríguez Ruano, da División de Sistemas de Innovación Educativa de Unixest. A información do programa e a inscrición pode formalizarse no enderezo http://www3.usc.es/xornadaesinatura/.