Ir o contido principal

Unhas xornadas en Ciencias da Comunicación reflexionarán sobre ‘Os medios en galego, importan?’

Organizadas pola Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Comunicación a proposta de integrantes da Liga Estudantil Galega

‘Os medios en galego, importan?’ conxuga a pregunta e o lema dunhas xornadas que a Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Comunicación vai celebrar no propio centro entre os vindeiros 8 e 19 de novembro. O encontro formúlase como unha reflexión sobre o futuro do xornalismo realizado en lingua galega, que conta co apoio do Servizo de Normalización Lingüística da USC e xorde a proposta da Liga Estudantil Galego. O programa deseñado trata de poñer a énfase na importancia de contar con medios de comunicación propios elaborados en lingua galega “para a saúde da identidade e da cultura galegas”, apuntan os seus promotores. Representantes dos medios de comunicación, profesionais e investigadores analizarán e reflexionarán sobre as pexas e as posibilidades da existencia de medios de comunicación en lingua galega. Os seus promotores sinalan como unha das súas metas “buscar unha reflexión conxunta da situación que viven medios en galego”, tanto á hora do seu consumo como da súa produción, “abordando diferentes tipos de medios”. O programa propiciará un debate sobre a viabilidade comercial da prensa en galego, achegará novos modelos de prensa en galego e mesmo avaliará a situación da industria audiovisual en Galicia, mediante a revisión dos modelos de éxito na televisión en galego e o achegamento ás posibilidades da radio e do cinema neste lingua. Está solicitado un crédito de libre configuración para todas as titulacións da USC por participar nas xornadas. O prazo de matrícula está aberto ata o 3 de novembro. As persoas que participen nesta actividade, que é totalmente gratuíta, recibirán un diploma de asistencia e aproveitamento, que se entregará tras a recepción dun pequeno traballo que aborde as cuestións tratadas durante as xornadas. Para máis información http://www.usc.es/snl/dinamiza/mediosengalego.htm.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.10.2011.