Ir o contido principal

Unhas xornadas en Ciencias fomentan a creación de grupos de investigación no campo das enerxías renovables

A Rede de Biomasa e Agroenerxía escolleu o campus de Lugo para celebrar este primeiro foro internacional porque é onde residen a maioría dos seus membros

A Rede de Biomasa e Agroenerxía (Redebioa) celebra estes mércores 17 e o xoves 18 na Facultade de Ciencias de Lugo as primeiras ‘Xornadas de intercambio de I+D+i de biomasa e agroenerxía’, coas que celebran o primeiro ano de funcionamento deste grupo.
As xornadas darán comezo ás 9:30 horas inauguradas polo vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero, que estará acompañado polo decano da facultade, Francisco Fraga. Está prevista a participación de 70 persoas de todos os sectores e a presencia de 25 organizacións do mundo da empresa, administración, universidade e clúster de empresas en medio ambiente e renovables, entre outras.
O obxectivo desta reunión é crear un foro de colaboración e debate entre empresas, administración e universidades para elaborar proxectos de investigación importantes no campo das enerxías renovables e o medio ambiente.
A Rede escolleu para a celebración destas xornadas a cidade de Lugo xa que a maioría dos seus membros, entre grupos de investigación e investigadores, están exercendo na cidade. Na actualidade Redebioa é a única unidade de investigación competitiva no campo da biomasa e a agroenerxía no ámbito nacional. Está formada por máis de cen investigadores de 13 grupos integrados en seis universidades de distintos países.
As xornadas son abertas para estudantes, profesionais do sector, responsables da administración e por suposto investigadores. O traballo das xornadas dividirase en mesas de traballo baixo tres títulos diferentes: O medio agroforestal como fonte de materias primas, a transformación dos produtos do medio agroforestal e xestión e tratamento dos subprodutos.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.09.2008.