Ir o contido principal

As xornadas de Convivencia e Formación Universitaria potenciarán o estudantado como axente activo na comunidade universitaria

De esquerda a dereita, Belén Caballo, Julia González, Pilar Murias, Antía Vilas e Diego López. Foto: Santi Alvite
De esquerda a dereita, Belén Caballo, Julia González, Pilar Murias, Antía Vilas e Diego López. Foto: Santi Alvite
O programa desta actividade botou a andar este martes e terá unha segunda sesión a vindeira semana. Buscan capacitar o estudantado no desenvolvemento de funcións de representación dentro da comunidade universitaria

As Xornadas de Convivencia e Formación Universitaria son unha iniciativa de dinamización estudantil promovida polo Consello do Estudantado para este curso 23/24 cuxo obxectivo é capacitar o estudantado no desenvolvemento de funcións de representación dentro da comunidade universitaria. Na súa primeira edición preto de 200 persoas solicitaron formalizar a inscrición, para unha oferta inicial de 75 prazas. O programa da xornada arrancou este martes logo do acto inaugural celebrado na Escola Técnica Superior de Enxeñaría (ETSE) presidido pola vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias, e no que tamén participaron a directora da ETSE, Julia González Álvarez; a secretaria do Consello de Estudantado, Antía Vilas; o coodinador das Xornadas, Diego López; e a responsable académica da iniciativa, Belén Caballo.

As xornadas continuarán a vindeira semana, o día 13, en diversos centros do Campus Sur e inclúe mesas teóricas e competenciais. Nas primeiras abórdanse cuestións sobre política universitaria; xestión de calidade; regulación de avaliación e asistencia; historia da representación e participación estudantil; sectoriais, delegacións e asociacións estudantís; normas de convivencia; ou infraestruturas e espazos. Mentres, nas mesas competencias as persoas que participen nas xornadas recibirán formación sobre xestión económicas; negociación e resolución de conflitos; metodoloxías participativas; organización de proxectos; trámites burocráticos; primeiros auxilios ou obradoiros sobre oratoria ou comunicación, entre outros.

A proposta está deseñada para que chegue ao estudantado de todos os centros universitarios, garantindo tres pazas por centro, con prioridade para estudantes de 1º e 2º curso. Neste senso, o Consello do Estudantado sufraga os gastos de transporte a Santiago das persoas que acudan dentro centros do Campus de Lugo. Ademais a participación será recoñecida cun crédito ECTS en recoñecemento da formación recibida.

A primeira edición destas xornadas cubriu a totalidade das prazas ofertadas. Foto: Santi Alvite
A primeira edición destas xornadas cubriu a totalidade das prazas ofertadas. Foto: Santi Alvite
Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.03.2024.