Ir o contido principal

Unhas xornadas debaten sobre a modernización do Dereito en cuestións que afectan a mocidade

As xornadas ‘Propostas de modernización do Dereito en cuestión que afectan a mocidade’ celebraranse na Facultade de Dereito este xoves 28 e o venres 29 para debater coa discapacidade, os menores, a violencia de xénero, as parellas de feito e as novas tecnoloxías como principais eixos temáticos. As xornadas contarán con especialistas e representantes de asociacións de menores, discapacitados e vítimas de violencia de xénero, que se distribuirán en catro mesas redondas e un obradoiro. De carácter gratuíto e con inscrición previa, o encontro está principalmente destinado, aínda que non exclusivamente, á xente nova, sen ser preciso ser estudante de Dereito.

A inauguración será o xoves 28 ás 10.00 horas na sala de xuntas do Decanato da Facultade, e a continuación terá lugar o primeiro debate sobre discapacidade na que participarán a catedrática da USC e membro da Comisión de Codificación M. Paz García Rubio; o notario de Rianxo José María Rilo Nieto; a representante da Asociación de Axuda a Nenos Oncolóxicos de Galicia Eugenia Amoedo; representantes da Federación DOWN Galicia, e o profesor da USC experto en prestacións públicas por discapacidade, Javier Ferreira Fernández.

A segunda mesa redonda, titulada ‘Problemas xurídicos que teñen como protagonistas os menores’ , terá lugar ás 12.15 horas e nela participarán o catedrático Santiago Álvarez González; Eugenia Amoedo Lusquiños; e os doutorandos de Dereito Civil Julia Ammerman Yebra e Ignacio Varela Castro. Pola tarde, a partir das 16.00 horas está previsto un obradoiro no que se exporán casos reais e simulación de trámites a través do testemuño de profesionais da avogacía e da xudicatura, de ASANOG e Federación Down Galicia, así como notarios/as, fiscais e docentes.

A presenza da violencia de xénero en idades temperás será o tema a tratar na sesión do venres 29, na que intervirán afiscal experta en violencia de Xénero Aranzazu Sanjosé González; a presidenta de Velaluz (Asociación galega para a defensa de mulleres e nenos superviventes da violencia de xénero e/ou abusos),Gloria Vázquez; a doutoranda de Dereito Penal María Castro Corredoira; e as profesoras Natalia Pérez Rivas e Cristina Alonso Salgado.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.09.2017.