Unhas xornadas debaterán sobre a presenza da muller na regulación xurídica privada
As xornadas ‘Cidadás e cidadáns: Forma e fondo das referencias de xénero no dereito privado’ congregarán na Facultade de Dereito, entre os días 28 e 29 de abril, a expertas das universidades de Santiago, Vigo e da Autónoma de Barcelona, investigadoras do Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento de Galicia, así como representantes da Xunta de Galicia, da Agrupación de Avogadas de Santiago e do Xulgado de Instrución número 3 de Lugo.
O obxectivo do encontro será fomentar a reflexión e o debate sobre a presenza da muller na regulación xurídica privada, xa que este ámbito resulta “fundamental para a superación da discriminación xurídica e social”, apuntan as promotoras da iniciativa. Así, ao longo das dúas sesións previstas abordaranse aspectos tan relevantes como a participación no tráfico xurídico, a familia ou a vida privada.
O curso, que dirixe a profesora Belén Trigo, permitirá situar as medidas lexislativas no seu contexto social polo que o conxunto das intervencións previstas, tanto en forma de conferencias como de mesa redonda, están formuladas dende unha perspectiva interdisciplinaria e práctica.
Os alumnos de calquera das titulacións que se imparten na USC matriculados neste curso poderán validar a súa asistencia ao encontro por un crédito de libre configuración.