Ir o contido principal

Unhas xornadas en Enfermaría de Lugo busca a implicación eficaz dos futuros profesionais na seguridade dos pacientes

Os efectos indesexables do medicamentos, as infeccións nosocomiais, as complicacións do curso clínico ou os erros diagnósticos e terapéuticos forman parte das preocupacións diarias dos profesionais sanitarios e das súas prioridades no desenvolvemento diario do traballo. A partir desta idea, a Escola de Enfermaría de Lugo organiza o taller ‘Seguridade de pacientes, unha prioridade no sistema nacional de saúde’. Dirixida a formar e sensibilizar aos estudantes do último curso da titulación, o taller pretende lograr unha implicación eficaz destes futuros profesionais na seguridade dos pacientes. O vindeiro luns 23, de 10:00 a 14:00 horas no Salón de Actos da Escola de Enfermaría de Lugo, impartirán este taller a subdirectora xeral de Desenvolvemento e Seguridade Asistencial do Sergas, Mercedes Carreras, e a xefa de Servizo de Desenvolvemento e Sistemas de Calidade do Sergas, Dolores Martín. Esta iniciativa formativa parte da idea de que na prevención de sucesos adversos é prioritaria dispor de profesionais con coñecementos, valores e habilidades para reducir o risco de situacións adversas relacionadas coa atención, as denominadas polos profesionais ‘prácticas clínicas seguras’.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.05.2011.