Ir o contido principal

Unhas xornadas escrutarán a realidade do acceso a bens e servizos das persoas con discapacidade

Co gallo da celebración do Día internacional das persoas con discapacidade o 3 de decembro, a Universidade de Santiago acollerá as xornadas ‘Mercado xusto? Equitativo? O acceso a bens e servizos en condicións de igualdade'. Serán o 4, 5, 11 e 12 de decembro no Salón de Graos da Facultade de Dereito.

Precisamente o 4 de decembro de 2017 remata o prazo previsto no TR da Ley General de derechos de las personas con discapacidad y de su inclusión social para esixir as condicións básicas de accesibilidade e non discriminación. Esta previsión supón un paso máis na protección e garantía dos dereitos das persoas con discapacidade, así como na consecución nunha sociedade diversa e igualitaria.

Para analizar se efectivamente esa é a realidade, as profesoras Belén Trigo e María Loureiro organizan unhas xornadas que inaugurarán a vicerreitora de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social, Dolores Álvarez Pérez; o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela; e a Valedora do Pobo, Milagros Otero Parga.

Como relatores e relatoras participarán especialistas das Universidades de Santiago e A Coruña, da Asociación de mulleres con discapacidade de Galicia, da Fundación Down Compostela, de COGAMI, da ONCE, do Colexio oficial de arquitectos de Galicia, da Asociación Galega de Asperger, da Asociación de Persoas Xordas de Santiago, do Servizo de Intérpretes de Lingua de Signos Española, da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade e da Concellaría de políticas sociais, diversidade, saúde e centros cívicos de Compostela.

Prexuízos e estereotipos respecto das persoas con discapacidade como consumidoras e usuarias, o acceso a bens e servizos en condicións de Igualdade, a accesibilidade ao medio , cadea de valor e prezos xustos, as barreiras na comunicación, investimentos e retornos da accesibilidade ou deseño universal serán algún dos asuntos a tratar nas catro sesións que conforman a xornadas.

Quen desexe asistir –outórgase 1 crédito ECTS– debe facelo antes do 30 de novembro no teléfono881814339 ou no enderezo mariadolores.tunas [at] usc.es (mariadolores[dot]tunas[at]usc[dot]es).

Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.11.2017.