Xornadas sobre Fertilización, substratos e froitos vermellos na EPS de Enxeñaría
Investigadores e técnicos de toda España debaterán desde este mércores mércores ata o venres 20 de maio na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC sobre o uso eficiente dos recursos agrícolas no marco dunhas xornadas promovidas xunto coa Sociedade Española de Ciencias Hortícolas (SECH), nas que se agarda a participación de máis de 40 especialistas nos ámbitos da fertilización, substratos, amorodos e froitos vermellos.
A comunidade científica inscrita nestas xornadas da SECH, no marco das que se presentarán diversas comunicacións orais e varios pósteres específicos, aproveitará tamén este encontro para someter a análise algunhas das claves para avanzar cara a sustentabilidade agraria e a produción de cultivos seguros, tanto para os consumidores como para os traballadores e mesmo para o medio ambiente.
A optimización das técnicas de produción, o control e a mellora da calidade dos cultivos, as boas prácticas agrícolas e a prevención de pragas e enfermidades serán outras das cuestións sobre as que se debaterá nun foro promovido por un comité organizador que preside a profesora da USC e delegada do reitor para o Campus Terra, Elvira López Mosquera.
As temáticas propostas para análise e debate nas distintas palestras son amplas e, no eido da fertilización, abranguen desde avances na elaboración de plans de abonado, novos produto, compoñentes e aditivos, emprego de estercos e subprodutos orgánicos, fertilización eficiente e de precisión ou fertirrigación. Os novos materiais e métodos de procesado de substratos, a súa caracterización analítica e de compoñentes, a automatización da xestión da auga e demais compoñentes, ou o control de adventicias, pragas e enfermidades tamén figuran no programa da xornada impulsada pola USC xunto coa SECH, que tamén presta atención á fresa así como a outros froitos vermellos, ademais de incluír diversas visitas técnicas.
Relatores convidados e visitas técnicas
A xefa da Área de Fertilizantes na Subdirección Xeral de Medios de Produción Agrícolas e OEVV, María Luisa Ballesteros, abrirá este mécores, ás 11.45 horas, a palestra de relatores convidados cun relatorio baixo o título ‘Futuro da lexislación de fertilizantes e substratos’. Xa en quenda de tarde, os congresistas realizarán, a partir das 15.00 horas, dúas visitas técnicas ás instalacións de fábrica de fertilizanes orgánicos Aviporto, en Portomarín, así como aos viñedos e ádega Regina Viarum, onde poderán coñecer polo miúdo as singularidades da vitivinicultura heroica característica da Ribeira Sacra.
A investigadora da Universidade de Barcelona M. Isabel Trillas e Guillem Segarra, de Biocontrol, conducirán o xoves, a partir das 9.00 horas, na EPS de Enxeñaría de Lugo, a segunda das palestras abertas destas xornadas, unha sesión na que se afondará sobre os bioestimulantes microbianos no marco do Regulamento 2019/1009. As visitas técnicas programadas en quenda de tarde inclúen desprazamentos á explotación de arandos CoolBerries, en Cerdido (A Coruña), así como ás instalacións da firma luguesa Nuevos Jardines, onde o público asistente poderá comprobar como se desenvolven xardíns verticais.
‘Agricultura urbana e vertical: ¿O futuro da produción de alimentos?’ é o título do relatorio que ofrecerá o venres o enxeñeiro agrónomo responsable de Innovación e de Invernadoiros en Novagric. A xornada de clausura deste foro da SECH continuará con reunións sectorais, presentación de conclusións e encontros entre produtores e empresas.