Ir o contido principal

Unhas xornadas de formación e debate abordan en Veterinaria as potencialidades da gandería ecolóxica como alternativa de futuro

Pouliquen, Bueno Lema, López Alonso e Neia Seijo, na presentación das xornadas
Pouliquen, Bueno Lema, López Alonso e Neia Seijo, na presentación das xornadas
O prazo de inscrición neste foro, orientado a universitarios, produtores e gandeiros e que se desenvolverá do 17 ao 19 de outubro, permanecerá aberto ata o día 14

Unhas xornadas formativas e de debate abordarán na Facultade de Veterinaria do 17 ao 19 de outubro as potencialidades da gandería ecolóxica como alternativa de futuro. Este foro, organizado pola USC en colaboración coa empresa Xestión Agrogandeira e Natureza XAN Galicia e a Sociedade Española de Agricultura Ecolóxica (SEAE), pretende ofrecer una panorámica sobre a situación actual da produción ecolóxica no plano español facendo fincapé na realidade galega e, especialmente, no caso da gandería.

O vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno Lema, presentou este mércores as xornadas de gandería ecolóxica nun acto no que tamén participaron a profesora de Patoloxía Animal da USC Marta López Alonso, o profesor do Departamento de Enxeñaría Agroforestal da USC e vogal da SEAE, Xan Neira, e o responsable de Xan Galicia, Y. Pouliquen. Bueno Lama salientou na presentación das xornadas que este tipo de foros demostran o grande interese e a sensibilidade que está a mostrar o campus de Lugo respecto da agricultura e da gandería ecolóxica, unha modalidade de produción cada vez máis arraigada e que non deixou de medrar nos últimos anos, tanto na provincia como no contexto de Galicia e incluso de España. A pegada das producións ecolóxicas é especialmente significativa no caso de Lugo, que conta con preto de 7.000 das 15.670 hectáreas de inscritas no Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega), sinalou Bueno Lema, que tamén salientou que o número de operadores de producións ecolóxicas en Galicia se multiplicou por seis na última década, ao pasar de 115 en 2000 a 656 en 2013. O volume de negocio das producións ecolóxicas ten experimentado unha evolución semellante neste período ata situarse o pasado exercicio 2.013 a carón dos 26.000 millóns de euros. As magnitudes económicas asociadas á agricultura e gandería ecolóxica denotan que se trata dunha actividade que ofrece múltiples oportunidades e que ben pode constituírse como unha sería alternativa de futuro, afirmou o responsable da empresa Xestión Agrogandeira e Natureza XAN Galicia. Pouliquen cre ademais este tipo de actividades de divulgación supoñen unha dobre oportunidade para achegarse ao mundo da produción ecolóxica e tamén para acadar máis información e formación ao respecto. Programa das xornadas As xornadas ‘ Gandería ecolóxica, unha alternativa de futuro’ dedicarán a quenda de relatorios programada para o 17 de outubro a ofrecer unha visión global da gandería ecolóxica en Galicia, España e Europa para logo afondar nos distintos sectores de produción: vacún de leite e de carne, porcino, ovino, caprino, aves... Os controis e os tratamentos alternativos en produción ecolóxica, as técnicas de pastoreo e alimentación e o proceso de selección e mellora dos animais ocupará a segunda xornada de relatorios deste foro, no marco do que tamén se celebrarán dúas mesas redondas sobre o impacto do novo regulamento da USC na gandería ecolóxica e sobre a canalización deste tipo de artigos do produtor ao consumidor final, explicou López Alonso, quen adiantou tamén que as persoas inscritas nestas xornadas poderán participar o último día nunha visita a unha finca de gandería ecolóxica. As posibles repercusións da proposta de regulamento da UE sobre agricultura ecolóxica na gandería ecolóxica centrará tamén o debate dun seminario de reflexión organizado pola Sociedade Española de Agricultura Ecolóxica (SEAE) e que se desenvolverá de xeito parello ás xornadas, comentou Xan Neira, quen engadiu que os técnicos da SEAE e do Craega abordarán noutro seminario as potencialidades que presenta a gandería ecolóxica na cornixa cantábrica. O prazo de matrícula nas xornadas ‘Gandería ecolóxica, unha alternativa de futuro’ permanecerá aberto ata o 14 de outubro. As persoas interesadas poderán formalizar a súa inscrición na páxina web http://www.usc.es/gl/congresos/gandeco. O custo da matrícula é de 50 euros, unha taxa que se reduce a 40 euros se se completa a inscrición antes do 8 de outubro.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.09.2014.