Ir o contido principal

Unhas xornadas lembrarán a figura do reitor Rodríguez Cadarso

‘Rodríguez Cadarso. Un reitor para un país’ é o lema dunhas xornadas que ao longo dos vindeiros meses de novembro, decembro e xaneiro van lembrar a figura do que fora reitor da Universidade de Santiago entre 1930 e 1933. As persoas interesadas poden formalizar a súa inscrición ata o próximo martes, día 11, nas oficinas da Vicerreitoría de Cultura, tanto en Santiago como en Lugo.
As xornadas inclúen na súa programación un total de tres táboas redondas, dúas conferencias e a celebración do VI Coloquio Internacional sobre Campus Universitarios e a súa Integración na Cidade. No caso das táboas, as intervencións programadas permitirán coñecer o contexto histórico, o perfil profesional e o labor institucional desenvolvido por Rodríguez Cadarso. Pola súa banda, as conferencias centraranse na súa faceta como docente e investigador na Facultade de Medicina.
Finalmente, o Coloquio sobre Campus Universitarios permitirá o intercambio de ideas e experiencias no relativo á integración dos campus universitarios nas súas respectivas cidades, coñecendo de preto exemplos de boas prácticas e experiencias desenvolvidas en diversas cidades europeas e americanas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 06.11.2008.