Ir o contido principal

As xornadas de lingua e literatura galegas no ensino abordarán o multilingüismo e a variedade

As terceiras Xornadas de Lingua e Literatura Galegas no ensino desenvolveranse a mediados de novembro en Filoloxía co lema ‘ Ensinar galego dende o multilingüismo e a variedade. Enfoques e experiencias’. Están destinadas ao profesorado de ensino secundario da especialidade de Lingua galega e literatura así como a todas aquelas persoas preocupadas polo ensino e aprendizaxe deste idioma. As xornadas están homologadas pola Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria como actividade de 12 horas de formación permanente do profesorado.

Os dous centros de interese do programa serán as actitudes lingüísticas da mocidade, con especial atención ao tratamento na aula da complexa relación existente entre a variedade estándar e as variedades faladas vernáculas, e os retos que impón o plurilingüismo na aula, con especial atención ao traballo integrado de linguas. A inscrición, gratuíta, formalízase cubrindo o formulario que se encontra na web.

A finalidade desta acción formativa será ofrecer unha oportunidade para a reflexión sobre algúns aspectos da situación sociolingüística e do marco legal educativo galegos que teñen un impacto directo na docencia desta lingua, ao tempo que se ofrecen como foro de intercambio de ideas, suxestións e experiencias para o profesorado de lingua e literatura galegas, en exercicio ou en formación.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 31.10.2017.