Ir o contido principal

Xornadas sobre novas técnicas de detección para Física Nuclear baseadas na tecnoloxía de detectores gasosos

Xornadas sobre novas técnicas de detección para Física Nuclear baseadas na tecnoloxía de detectores gasosos
Xornadas sobre novas técnicas de detección para Física Nuclear baseadas na tecnoloxía de detectores gasosos
O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías acolle o encontro, no que participarán destacados especialistas internacionais

Medio cento de especialistas de recoñecida experiencia asistirán esta semana na Facultade de Física, concretamente no Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), a unhas xornadas sobre detectores gasosos que teñen como obxectivo reunir a comunidade internacional de Física Nuclear para presentar e debater o estado da instrumentación actual e os futuros desenvolvementos.

Baixo o título ‘Workshop on Active Targets and Time Projection Chambers for High-intensity and Heavy-ion beams’, os membros do IGFAE Héctor Alvarez Pol, Beatriz Fernández Domínguez e Manuel Caamaño Fresco buscarán no encontro iniciar novas técnicas que poidan dar unha solución aos límites técnicos impostos polos sistemas de detección actuais.

As xornadas forman parte da rede ENSAR2-Gaseous Detector Systems (GDS), proxecto europeo que integra persoal científico que realiza investigación nuclear dentro dos tres campos mais importantes definidos polo comité europeo de física nuclear NuPECC. Nesta segunda edición abordaranse as posibilidades de utilizar eses detectores baixo condicións extremas de intensidade e espazo de carga.

Así, exploraranse e debateranse as perspectivas e as oportunidades técnicas que requiren os experimentos físicos propostos por parte de representantes de prestixiosos centros de investigación do mundo como NSCL, Texas AM, Universidade de Notre Dame e LBNL (EEUU); GANIL, Irfu/DPhN Saclay e IPN Orsay (Francia); Academia Eslovena das Ciencias en (Eslovenia); a Universidade de Varsovia (Polonia); FLNR e JINR–Dubna (Rusia); KU Leuven e a Universidade Libre de Bruxelas (Bélxica); INFN-Legnaro (Italia); GSI e a Universidade de Frankfurt (Alemaña); CERN (Suiza); RIKEN e a Universidade de Kyoto (Xapón); IFIC-Valencia e a USC (España).

As xornadas comezarán este mércores ás 9:30 horas na Facultade de Física nun acto no que intervirá o director do IGFAE, Carlos Salgado, e rematarán o venres 19 cunha mesa redonda sobre a evolución e futuro deste tipo de detectores gasosos no campo da Física Nuclear.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.01.2018.