Ir o contido principal

Unhas xornadas orientan o alumnado de primeiro sobre as competencias transversais para fomentar o emprego

Xornadas de Orientación Laboral en materia de Competencias Transversais
As xornadas que se desenvolverán os días 19, 20 e 21 de outubro servirán para dar a coñecer os servizos e programas que a USC ofrece á comunidade universitaria. FOTO: Santi Alvite
Este programa cuxo prazo de inscrición permanece aberto, desenvolverase os días 19, 20 e 21 de outubro para dar a coñecer os servizos que a USC ofrece en materia de lecer, cultura, deportes, aprendizaxe de idiomas, compromiso social ou prácticas
Lugo, Santiago de Compostela

A Vicerreitoría de Igualdade, Cultura e Servizos a través da Área de Orientación Laboral da USC impulsa un programa estruturado en tres xornadas co que concienciar o alumnado sobre a importancia da adquisición de competencias transversais. As xornadas que se desenvolverán os días 19, 20 e 21 de outubro servirán para dar a coñecer os servizos e programas que a USC ofrece á comunidade universitaria, e concretamente ao alumnado, en materia de lecer, cultura, deportes, aprendizaxe de idiomas, compromiso social, prácticas ou emprego. As inscricións poden formalizarse ata o luns 18 de outubro.

Proporcionar información sobre as competencias que se poden adquirir a través da participación nestes programas e conseguir que os/as alumnos/as se involucren na vida universitaria alén do ámbito académico é outra das metas que se persegue con esta iniciativa. “Queremos concienciar sobre a importancia da adquisición destas competencias tendo como obxectivo a mellora da empregabilidade ao finalizar os estudos”, apuntan dende a Área de Orientación laboral.

Ademais, as persoas participantes poderán realizar unha visita guiada ao patrimonio histórico da USC. Estas xornadas son de carácter gratuíto e celebraranse en liña a través da plataforma Teams. Pode obterse máis información na Área de Orientación Laboral da USC a través do enderezo electrónico orientacion.laboral.santiago [at] usc.es (orientacion[dot]laboral[dot]santiago[at]usc[dot]es) ou no teléfono 881 812 850.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 14.10.2021.