Xornadas de preparación do profesorado do Proxecto de Estimulación do Talento Matemático na Facultade de Matemáticas
Entre os días 28, 29 e 30 de xuño están a ter lugar na Facultade de Matemáticas as Xornadas de Preparación do Profesorado do Proxecto de Estimulación do Talento Matemático ESTALMAT-Galicia, a cargo de profesores con experiencia nos Proxectos Estalmat de Madrid e Cataluña. As xornadas están dirixidas aos vinte profesores de matemáticas do distintos niveis do ensino que participarán o vindeiro ano na iniciativa.
ESTALMAT-Galicia forma parte do Proxecto ESTALMAT da Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas y Naturales, que ten por obxectivo detectar, orientar e estimular de maneira continuada o talento matemático de estudantes de 6º curso de Educación Primaria (12-13 anos). En Galicia foron seleccionados 25 rapaces e rapazas de entre os 200 que se presentaron ás probas de selección o pasado 2 de xuño na Facultade de Matemáticas.
Os profesores participantes no encontro que hoxe se inicia serán os encargados de traballar cos alumnos seleccionados en actividades adaptadas ao desenvolvemento do seu talento matemático. Estas clases impartiranse, en xeral, nas mañás dos sábados durante dous cursos académicos consecutivos.
As Xornadas de Preparación corren a cargo de profesores con experiencia noutros proxectos ESTALMAT, como Eugenio Hernández, Joaquín Hernández e Mercedes Sánchez, de Estalmat-Madrid; e Marta Berini e Carles Romero, de Estalmat-Cataluña. Ademais está prevista unha charla sobre a atención á diversidade e altas capacidades no sistema educativo galego a cargo de Victoria Navaza, subdirectora xeral de Ordenación e Innovación Educativa da Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria que asume as xornadas como actividade de formación permanente do profesorado.
Acto institucionalDentro das xornadas, este venres 29, ás 13:00 horas na Aula Magna, terá lugar un acto institucional sobre o Proxecto ESTALMAT en Galicia que presidirá o reitor da USC, Senén Barro, e que contará coa presenza do director do Proxecto Estalmat, membro da Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas y Naturales e Premio Príncipe de Asturias de Investigación Científica e Tecnolóxica, Amable Liñan Martínez.
Asistirán ademais o subdirector xeral de Avaliación e Calidade do Sistema Educativo da Consellería de Educación, José Graña Carrodeguas; o director xeral da Fundación Vodafone-España, José Luis Ripoll García; o director da División de Organismos da Obra Social Caixa Galicia, Andrés Cuns Rial; e Juan M. Viaño Rey e Mercedes Feijoo Díaz, presidente e coordinadora xeral, respectivamente, do Comité Organizador de Estalmat-Galicia.