As xornadas sobre primeiros auxilios revisarán prácticas e actuacións no ámbito escolar
A Universidade de Verán 2017 volverá incluír este ano as xornadas sobre primeiros auxilios e especificamente sobre actuacións e propostas no ámbito escolar e dende a área de Educación Física. Celebrarase entre os días 12 e 15 de xuño na Facultade de Ciencias da Educación. A matrícula pode formalizarse de xeito presencial ou a través da web ata o próximo 2 de xuño.
O programa, cunha carga lectiva de 16 horas abordará cuestións xerais de interese neste ámbito como os programas escolares para o traballos primeiros auxilios, a responsabilidade civil e penal do mestre en caso de accidente na escola ou o programa Alerta Escolar. Ademais, trataranse cuestións específicas sobre como reaccionar ante situación concretas como casos de shock ou hemorraxias, así como lesións por axentes físicos e criterios de triaxe ante múltiples accidentados; a maniobra de Heimlich ou a cadea de supervivencia, con especial atención á valoración primaria e secundaria, o soporte vital básico e a utilización de desfibrilador en adultos.
No programa tamén se achegarán indicacións para casos de traumatismos e contusións, fracturas, esguinces e luxacións, así como sobre técnicas de inmobilizacións e traslados e, especificamente, sobre vendaxes na escola. Para completar a programación deste curso realizarase un obradoiro prácticos sobre estas últimas cuestións.