Unhas xornadas sobre terapias alternativas en gandería citan este venres a máis de 100 asistentes na Facultade de Veterinaria
As xornadas sobre terapias alternativas en gandería organizadas polo Departametno de Patoloxía Animal da Universidade de Santiago de Compostela en colaboración coa empresa Xestión Agrogandeira e Natureza congregarán os días 15 e 16 de marzo a máis dun centenar de asistentes no salón de actos do centro universitario lugués. Unha decena de profesionais veterinarios e gandeiros analizarán neste escenario, ao longo dos distintos relatorios programados neste foro, os beneficios que pode reportar para o gando o uso da medicina natural, así como doutras terapias menos xeneralizadas tales como son a homeopatía, acupuntura, quiropráctica ou mesmo a etnoveterinaria, segundo avanzou a profesora da USC Marta López Alonso, que subliñou que as sesións estarán abertas a todo o público aínda nos casos nos que non formalizaran a súa inscrición.
O obxectivo destas xornadas é dar a coñecer terapias alternativas como a fitoterapia, quiropráctica, acupuntura ou, entre outras, a etnoveterinaria, no control sanitario animal para asentar así a súa lexitimidade no sector gandeiro e no exercicio profesional veterinario en xeral. A aplicación destas pautas ten especial interese, segundo subliñaron os organizadores destas xornadas, nos sistemas de produción ecolóxicos, nos que as limitacións impostas pola lexislación europea limita a presenza de concentrados nas racións alimenticias e restrinxe o uso de tratamentos veterinarios alopáticos. Este tipo de condicionantes específicos fai necesario dispor de ferramentas adicionais para mellorar a nutrición e o estado de saúde animal, para garantir así o seu benestar e manter un nivel de produción aceptable. Os organizadores destas xornadas salientan asemade que o uso de terapias alternativas non se limita á produción ecolóxica, senón que estas prácticas tamén se poden aplicar con eficacia en explotacións gandeiras convencionais e intensivas, sendo especialmente relevantes nos casos que substitúen fármacos alopáticos con períodos de supresión. Programa das xornadas O decano da Facultade de Veterinaria de Lugo, Germán Santamarina, inaugurará as xornadas o venres, ás 10.00 horas, nun breve acto tralo que o veterinario homeópata ribadense Juan Luis Amor Fernández comezará quenda de relatorios cunha intervención baixo o título ‘O natural e a menciña natural veterinaria no século XXI’. A presidenta da Sociedade Española de Homeopatía Veterinaria, Coral Mateo Sánchez, falará, de seguido, sobre a homeopatía na granxa. A experiencia da gandería de leite ecolóxico que rexenta o melidense Manuel Ramos Garea e un relatorio sobre acupuntura e quiropráctica, a cargo da responsable de Acupuntura, Terapia Física e Quiropráctica Animal de Integralvet, Nuria Otero Queijas, completan o programa da primeira xornada deste foro sobre terapias alternativas en gandería. A profesora do Departamento de Patoloxía Animal da USC, Marta López Alonso, abrirá a quenda de intervencións prevista para o 16 de marzo cun relatorio sobre a saúde animal en sistemas ecolóxicos comezando pola nutrición. A fitoterapia na gandería ecolóxica será o eixo da exposición do académico veterinario Carmelo García Romero, a quen sucederá no uso da palabra o veterinario homeópata e osteópata francés Bruno Giboudeau, que afondará nas vantaxes da homeopatía na práctica veterinaria. Un relatorio sobre a etnoveterinaria, da man de José Ignacio Regueiro Castro, servirá de epílogo a unhas xornadas específicas que rematarán coa presentación das conclusións e a entrega de certificados aos asistentes. As xornadas Terapias alternativas en gandería, organizadas pola Facultade de Veterinaria da USC en colaboración coa empresa Xestión Agrogandeira e Natureza (Xan Galicia), están estruturadas en 16 horas presenciais e van dirixidas a veterinarios e demais profesionais relacionados coa produción gandeira, así como ao propio estudantado matriculado na Universidade de Santiago, que poderá solicitar o recoñecemento dun crédito de libre elección.