Ir o contido principal

Xornadas de transferencia One Health Campus Terra-HULA

Cartaz da xornada de transferencia Campus Terra-HULA
Cartaz da xornada de transferencia Campus Terra-HULA
Investigadores do Campus Terra da USC e do Hospital Universitario Lucus Augusti de Lugo organizan este xoves 17 un foro de transferencia para que os investigadores de ambas entidades coñezan os recursos e equipamentos científicos de que dispoñen ademais de para avaliar posibles colaboracións e deseñ
Lugo

O Campus Terra da USC e o Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) celebrarán o vindeiro xoves 17 de marzo, a partir das 12.45 horas, as Xornadas de Transferencia One Health, un progrma no marco do que investigadores da sede universitaria luguesa e do Sergas analizarán casos de éxito de actuacións xa desenvolvidas de forma conxunta ou con colaboracións entre profesionais do Sergas e da USC, ao tempo que coñecerán os equipamentos, investigadores e recursos científicos de que dispón cada entidade, a fin de avaliar así futuras liñas de investigación e de transferencia de I+d+i conxuntas.

Esta primeira xornada de transferencia HULA-Campus Terra desenvolverase nas instalacións do Hospital Universitario Lucus Augusti e está aberta á participación dos investigadores e investigadoras potencialmente interesados en tomar parte en liñas de traballo que impliquen a profesionais do centro hospitalario e do Campus Terra da USC. As persoas interesadas en tomar neste programa, co que se busca agrupar todas as sinerxías posibles para avanzar na abordaxe da I+D+i desde a perspectiva One Health ou saúde única, poden formalizar xa a súa inscrición de balde a través desta ligazón web.

A vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo da USC, Montserrat Valcárcel, e o xerente do Hospital Universitario Lucus Augusti, Ramón Ares, abrirán esta xornada de transferencia Campus Terra-Hula, cuxa quenda de intervencións comezará cun relatorio do Business Manager en Zendal, Pascual Rey sobre visión integral e multidisciplinar da saúde.

As colaboracións de éxito sostidas no tempo entre o Laboratorio de Referencia E. Coli da USC e a Unidade de Microbioloxía Clínica do HULA ou entre o Grupo Farmatox e o servizo de Cardioloxía centrarán a temática de dúas das sesións incluídas neste xornada de transferencia, cuxo programa inclúe pílulas colaborativas arredor do peixe cebra, a enfermidade de Lyme e outra patoloxías transmitidas por carrachas; alimentación, obesidade, diabetes, cancro de mama ou sobre o cometido dos microminerais en doentes oncolóxicos e mesmo respecto o uso de biomateriais e dispositivos médicos en tecidos vivos.

 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.03.2022.