Ir o contido principal

Unhas xornadas na USC perseguen fomentar a transferencia matemática cara á industria

Entre os días 23 e 25 deste mes terán lugar na Facultade de Matemáticas as IV Xornadas de Consulta Matemática para Empresas e Institucións, organizadas por persoal investigador das tres universidades galegas baixo o patrocinio do proxecto Consolider Ingenio Mathematica e como iniciativa da Rede Española Matemática-Industria.

As xornadas, que reúnen a unha trintena de especialistas das ramas de matemática aplicada e estatística e investigación operativa, teñen como obxectivo o fomento da transferencia matemática cara á industria buscando activamente proxectos de investigación e desenvolvemento onde a Matemática teña unha especial relevancia.

Durante a primeira sesión as empresas convidadas, 2 Mares Demil, Teaxul e Vasco Gallega de Consignaciones, consultarán problemas xurdidos no seu sector de actividade e que son susceptibles de ser tratados mediante métodos matemáticos, estatísticos e numéricos. Ao longo das seguintes sesións traballarase conxuntamente para encontrar unha solución aos problemas formulados.

A apertura do evento terá lugar o próximo martes 23 de xaneiro e será presidido polo vicerreitor de Investigación e Innovación, Francisco González García. Intervirán tamén o director xeral de I+D+i da Xunta de Galicia, Ricardo Capilla Pueyo; a decana da Facultade de Matemáticas, María Victoria Otero Espinar; e a catedrática de Matemática Aplicada da USC Peregrina Quintela, coordinadora das xornadas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.01.2012.