Ir o contido principal

Dende este xoves 5, unha hora de estudo equivale a un euro

Comeza a décimo terceira edición da Olimpíada Solidaria de Estudo

Por cada hora de estudo en bibliotecas dos campus de Santiago e Lugo doarase un euro para o desenvolvemento de proxectos solidarios. A USC súmase un ano máis á Olimpíada Solidaria de Estudo que neste ano chega a súa décimo terceira edición. O total de horas acumuladas entre este xoves 5 de novembro e o día 5 de decembro por universitarios de España, Croacia e Portugal servirán para apoiar un proxecto en Senegal e outro en Ecuador.

Para facer o cómputo total das horas, habilitouse un terminal informático, no que o estudantado ten que introducir a súa Tarxeta Universitaria de Identidade (TUI) á entrada e saída das salas de estudo. Para que se poida realizar o cómputo o alumnado deberá acumular como mínimo unha hora e un máximo de catro, período logo do que deberán volver introducir a tarxeta. O alumnado interesado en cooperar pode facelo nas zonas de estudo das Facultades de Formación do Profesorado e Veterinaria e na Biblioteca Intercentros do Campus de Lugo. En Compostela, na Biblioteca Xeral e na Concepción Arenal, así como na Escola Técnica Superior de Enxeñaría e nas facultades de Bioloxía, Ciencias da Comunicación, Ciencias da Educación (Campus Norte), Ciencias Económicas e Empresariais, Farmacia, Filoloxía, Filosofía, Física, Matemáticas, Medicina, Psicoloxía e Ciencias da Educación, Química e Xeografía e Historia.

Cos fondos recadados, a ONGD Coopera seguirá traballando en Senegal coa escola Omar IbnKhatab de Malucounda á que apoia dende hai varios anos. O proxecto de 2015 persegue mellorar a nutrición das nenas e nenos desta escola coa posta en marcha dunha granxa gandeira que abastecerá á cantina escolar. Os 150 menores do centro proveñen de familias con poucos ou nulos ingresos. En Ecuador, a ONG Cooperación Internacional realizará unha intervención de mellora de infraestruturas na comunidade indíxena de Cotacachi da que se beneficiarán máis de 1.600 persoas. Este proxecto inclúe mellora dos materiais e de modelos pedagóxicos en dez escolas do sistema educativo durante un período dun ano.

Para acadar máis información, quen estea interesado pode dirixirse a Ernesto Gómez, axente de voluntariado do Servizo de Participación e Integración Universitaria e coordinador da Olimpíada na USC no teléfono 881.812.858 ou no correo electrónico sepiu.santiago [at] usc.es (sepiu[dot]santiago[at]usc[dot]es).

Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.11.2015.