Ir o contido principal

Este xoves comeza o verán, a estación máis longa do ano

O verán no hemisferio norte dará comezo este xoves, día 21, ás 20:06 horas. A estación, cunha duración de 93 días, 15 horas e 45 minutos, é a máis longa do ano e prolongarase ata as 11:51 horas do 23 de setembro, cando se iniciará o outono.
O comezo do verán está astronomicamente fixado polo paso do Sol polo punto Cáncer da Eclíptica ao Solsticio de xuño, “momento no que a nosa estrela alcanza a súa máxima elevación con respecto ao Ecuador Celeste”, explica o director do Observatorio Astronómico ‘Ramón María Aller’ daUSC, José Ángel Docobo.
No día do Solsticio de Verán a diferenza entre a duración do día e da noite é máxima, de 15 horas na nosa latitude, sendo tamén cando o Sol sae e se pon o máis posible cara ao norte. Así mesmo, é no mediodía desta data cando se pode observar ao Sol no máis alto.
Fenómenos astronómicosO profesor Docobo explica que aínda que ningún será visible desde a Península Ibérica, este verán vaise producir un eclipse total de Lúa o 28 de agosto -visible desde o Pacífico- e outro parcial de Sol o 11 de setembro que poderá ser contemplado desde o sur e centro de Sudamérica e desde a Antártida.
Con respecto á visibilidade dos planetas, en xullo veranse Mercurio e Marte ao amañecer, mentres que Venus e Saturno ao atardecer. Pola contra, Xúpiter poderá ser observado durante case toda a noite. Xa en torno ao 20 dese mes Mercurio estará en boas condicións para ser divisado a simple vista cara ao Este antes da saída do Sol. En agosto, Marte poderá ser contemplado durante toda a noite, Xúpiter ao atardecer e Venus pasará a ser “o luceiro da alba” a finais de mes.
O 7 de xullo, a 2 horas de tempo oficial, a Terra atoparase no apoxeo da súa órbita, é dicir, na súa posición máis distante ao Sol, sendo nese momento “a nosa distancia ao astro rei de máis de 152 millóns de quilómetros, fronte aos 147 millóns que nos separan del no Perixeo (3 de xaneiro)”, aclara Docobo.
Completará o panorama astronómico a habitual choiva de estrelas das Perseidas en Agosto, a conxunción de Venus e Saturno que se producirá ao atardecer do 1 de xullo e algunhas conxuncións de planetas coa Lúa.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.06.2007.