Este xoves remata o prazo para presentar candidatura ás eleccións do comité de dirección da Escola de Doutoramento Internacional

Este xoves 24 ás 14.00 horas remata o prazo de presentación de candidaturas para participar nas eleccións de representantes no comité de dirección da Escola de Doutoramento Internacional, centro encargado de xestionar e coordinar as ensinanzas de doutoramento da USC así como os procesos que conducen á obtención do título de doutora ou doutor.
O comité de dirección da EDIUS está composto polo director ou directora, o secretario ou secretaria, as catro subdireccións das seccións da EDIUS, as persoas coordinadoras dos programas de doutoramento adscritas á EDIUS, 8 representantes do PDI, unha representación do estudantado de doutoramento que suporá o 25% do total dos membros do Comité e un representante do PAS.
Esta convocatoria de eleccións diríxese aos sectores de persoal docente e investigador vinculado a programas de doutoramento adscritos á EDIUS, a estudantado matriculado nos programas de doutoramento e a Persoal Técnico, de Xestión e de Administración e Servizos que desenvolve a súa actividade na EDIUS.
Unha vez pechado o prazo de presentación este xoves, a proclamación definitiva de candidatos e candidatas coñecerase o 2 de maio e a votación telemática será o 14 de maio entre as 9:00 horas e as 18:00 horas.