Ir o contido principal

A Xunta de Galicia adxudicará a construción do Cebiovet no campus de Lugo á empresa Xestión de Contratas SL

Barreiro, Méndez, De la Cruz, Vázquez e Arias, na reunión do padroado da Fundación Rof Codina
Barreiro, Méndez, De la Cruz, Vázquez e Arias, na reunión do padroado da Fundación Rof Codina
O vicerreitor Andrés Barreiro participou na reunión do padroado da Fundación Rof Codina na que Jesús Vázquez informou dunha actuación cun orzamento de 3,2 millóns

A Xunta de Galicia adxudicará nas vindeiras semanas as obras de construción do Centro de Investigación en Biomedicina e Veterinaria (Cebiovet), un centro de investigación en pequenos e grandes animais que atopará a súa sede nunha parcela anexa ao Hospital Clínico Veterinario Rof Codina, segundo informou este venres o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, Jesús Vázquez, na reunión do padroado da Fundación Rof Codina. Nesta xuntanza carácter informativo tamén participaron o vicerreitor de Desenvolvemento Científico e Tecnolóxico do campus de Lugo, Andrés Barreiro; o decano da Facultade de Veterinaria, Germán Santamarina; o director xerente da Fundación Rof Codina, Luis Felipe de la Cruz Palomino, e o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, ademais outros representantes e cargos políticos.

O obxecto desta reunión do padroado da Fundación Rof Codina era o de informar a todos os membros do proceso seguido ata o momento para adxudicar as obras do futuro Cebiovet, unha actuación que conta cun orzamento de 3,2 millóns de euros e que foi encomendada á empresa Xestión de Contratas S.L., segundo avanzou Jesús Vázquez, quen engadiu que, a partires de agora, os trámites continuarán coa formalización da adxudicación e coa sinatura do contrato, previas ao inicio das obras. O xerente da Fundación Rof Codina, Luis Felipe de la Cruz Palomino, explicou aos membros do padroado que neste concurso público de adxudicación de obras participaron un total de 27 empresas, aínda que precisou que seis das ofertas presentadas foron desestimadas por baixa desproporcionada. Cebiovet O Centro de Investigación en Biomedicina e Veterinaria (Cebiovet) está chamado a ser un centro de referencia na investigación en medianos e grandes animais que permitirá abrir novas liñas de investigación e novas oportunidades docentes. Esta nova dotación contribuirá asemade á formación de persoal altamente especializado e, en definitiva, ao fortalecemento do campus universitario de Lugo e á súa especialización na investigación no eido agrario e gandeiro. Ademais, o novo centro contribuirá á relación coas empresas que, á súa vez e beneficiándose da transferencia do coñecemento científico, poderán dar saída a novos produtos e servizos. Cunha superficie de 4.782,10 metros cadrados construídos o novo centro vai contar con todos os estándares para que nel se poidan facer traballos en colaboración con calquera empresa ou centro investigador, xa que as súas instalacións van estar de acordo coa última normativa reguladora das características que deben ter os centros nos que se realiza investigación con animais, unhas condicións de calidade que, neste momento, teñen moi poucos centros deste tipo en Europa. O novo edificio permitirá albergar no mesmo complexo os grupos de medianos e grandes animais, a través da reforma e ampliación dos actuais pavillóns de hospitalización e experimentación animal xa existentes no hospital Rof Codina, ao que se unirá a ampliación das instalacións actuais mediante a construción dun novo pavillón. Ademais, conectaranse os dous edificios mediante a construción dun corredor cuberto que facilite o tránsito entre os diferentes módulos.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.07.2014.