O xurado do XIII Premio Internacional Grupo Compostela-Xunta de Galicia reúnese este venres na USC
O xurado do XII Premio Internacional Grupo Compostela-Xunta de Galicia reúnese na tarde deste venres, día 13, a partir das 17:30 horas no Salón Reitoral do Colexio de San Xerome. O premio valora ás persoas ou institucións significadas polo seu labor en prol da unidade europea ou a preservación do patrimonio cultural do noso continente.
Presidido pola conselleira de Educación, Laura Sánchez Piñón, o xurado está composto ademais pola conselleira de Cultura e Deportes, Ánxela Bugallo; o presidente do Grupo Compostela de Universidades, Maurits van Rooijen; o director xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario de Galicia, Xosé Ramón Leis Fidalgo; a reitora da Universidade de Girona, Anna María Geli de Ciurana; a reitora da Universidade de Hamburgo, Dorothee Bittscheidt; e o reitor da Universidade mexicana de Guadalajara, Marco Antonio Cortés. A secretaria executiva do Grupo Compostela, Beatriz Iglesias, actuará como secretaria do xurado.
O premioA Xunta de Galicia e as universidades membro do Grupo Compostela poden presentar anualmente candidaturas a este premio, cunha dotación económica de 6.000 euros e unha medalla de ouro conmemorativa que representa a cuncha, símbolo milenario da peregrinación a Santiago e imaxe elixida tamén para o Grupo.
Nas anteriores ocasións os premiados foron Jacques Santer (1997), ex-presidente da Comisión Europea; Václav Havel (1998), presidente da República Checa; o director de orquestra alemán Helmuth Rilling (1999); o escritor neerlandés Cees Nooteboom (2000); a fiscal xefe do Tribunal para a ex Iugoslavia e Ruanda, Carla del Ponte (2001); o arquitecto portugués Álvaro Siza (2002); o investigador e catedrático da USC Manuel Díaz y Díaz (2003); o psicolingüista catalán Miquel Siguán Soler (2004); o historiador, diplomático e político Wladyslaw Bartoszewski (2005); o Grupo de Helsinki sobre mulleres e ciencia (2006); en 2007 ao investigador Manuel Castells e o pasado ano a Canal Arte.