Ir o contido principal

O xurista Luis Díez-Picazo y Ponce de León incorpórase ao cadro de doutores honoris causa da USC

Luís Díez-Picazo xunto co reitor Juan Casares e a profesora María Paz García (Foto: Santi Alvite)
Luís Díez-Picazo xunto co reitor Juan Casares e a profesora María Paz García (Foto: Santi Alvite)
Está considerado como un dos máximos e insignes xuristas do século XX e do que vai do XXI

O xurista Luís Díez-Picazo y Ponce de León (Burgos, 1.931) incorporouse este venres 25 ao cadro de doutores honoris causa da Universidade de Santiago. Como puxo de manifesto a catedrática María Paz García Rubio na súa laudatio, Díez-Picazo y Ponce de León é “un home comprometido co seu tempo, que pensa que o xurista está obrigado a tomar partido e a defender coas normas as posturas que sexan xustas, iso si, con respecto ao ordenamento xurídico, sen renegar por isto da eficiencia tan en boga, que en ningún caso ha de ser o fin último do Dereito”. Na súa dimensión como universitario, o novo honoris causa “preparou e levou ao máximo nivel a algún dos mellores civilistas das xeracións posteriores á súa e foi fonte de inspiración e coñecemento de todos cantos necesitaron mergullarse nas augas do Dereito Civil”. Deste xeito, a profesora García Rubio retratou a Luís Díez-Picazo como “un gran Mestre, que inoculou en xeracións de estudantes e estudosos a afección e o gusto polo Dereito e Xustiza”. O acto académico celebrado este venres baixo a presidencia do reitor Juan Casares, é un “acto de recoñecemento porque, como tamén nos lembra George Steiner, unha sociedade que non honra aos seus mestres é unha sociedade fallida”. Autodefinido como un “castelán austero e tamén adusto”, o xurista afrontou a súa lección como “ unha disertación crepuscular” asociada á “fatalidade dos calendarios”, e iniciouna lembrando que as honras “deben recibirse sen que nos envanezan e sen que se extravíen os nosos pensamentos”. Díez-Picazo y Ponce de León remontouse ao curso 63/64, no que comezou a súa carreira como profesor universitario na mesma universidades que hoxe lle impuxo a doutoramento honoris causa, o que foi o punto de partida para unha reflexión respecto da evolución do Dereito. Luís Díez-Picazo, quen subliñou que a tarefa intelectual é unha aventura, afirmou ter a sensación “de que determinados aparatos de produción lexislativos aliméntanse de forzar ocultas –c omo sectores de opinión ou grupos de presión– para quen facer unha lei é unha coartada ou unha forma de saír dun apuro, cando non é así”. Na liña desta reflexión, o honoris causa considera a coexistencia dun dereito erudito e culto, “que é o que a algúns nos gusta”, a carón dun “dereito vulgar, que é hoxe o dominante na práctica e que se move despegado das esixencias do primeiro”. Lamentou, neste senso, que a “erudición corre o risco de ser unha actividade estéril. Non debe ser así”, ao tempo que reivindicou como misión das universidades e institucións con preocupación pola cultura tratar de evitar esta situación. Proposta A proposta deste doutoramento xurdiu do Departamento de Dereito Común en favor “dun xurista integral” e “un dos máximos e insignes xuristas do século XX e do que vai do XXI”. Na concesión deste recoñecemento académico, o Departamento apelou á vinculación de Díez-Picazo y Ponce de León coa Universidade de Santiago, da que foi catedrático de Dereito Civil no curso 63/64, así como por determinados trazos da súa personalidade, xa que como investigador no campo do Dereito Civil está considerado como o autor da posta ao día do Dereito Civil en España. As súas obras, e de xeito especial os Fundamentos de Derecho Civil Patrimonial, constitúen en opinión dos expertos neste eido a obra cimeira da civilística española dos últimos cincuenta anos e propiciaron a creación na doutrina e xurisprudencia española dun Dereito Civil moderno e equiparable aos dos mellores autores coetáneos europeos. Destaca igualmente a súa preocupación práctica, con estudos do máximo nivel sobre a xurisprudencia, así como a súa permanente modernidade abordando os temas máis actuais e controvertidos, entre eles a súa preocupación polo Dereito europeo de contratos ou a modernización da lexislacións española en materia de obrigas e contratos, entre outros. O da Universidade de Santiago sumarase ao doutoramentos honoris causa concedidos previamente polas universidades de Valencia, Carlos III, Málaga e Valparaiso (Chile) e pola Universidade de Bos Aires (Arxentina). Conselleiro de Estado dende 2005, foi xuíz de Primeira Instancia e Instrución, membros do Consello Xeral do Banco de España, maxistrado do Tribunal Constitucional e catedrático das universidades de Valencia e Autónoma de Madrid, ademais de na propia USC. Na actualidade é presidente da Real Academia de Xurisprudencia e Lexislación e da Sección Primeira de Dereito Civil da Comisión Xeral de Codificación do Ministerio de Xustiza. Esta Comisión Xeral da que é membro dende 1972 traballou en todas as reformas do Código Civil , entre as que se contan, as reformas do Dereito de Familia polas que se estableceu a igualdade dos cónxuxes, a igualdade dos fillos ante a lei ou o divorcio. Foi tamén responsable das Leis de reforma da tutela, nacionalidade, adopción, testamentos, protección xurídica do menor, todas elas determinantes no proceso de modernización dos Dereito Civil español. Do currículo do novo honoris causa destaca tamén a súa faceta humanista, como tradutor dalgunhas das obras máis sinaladas da literatura xurídica europea, destacando especialmente polo seu alto significado intelectual e persoal a súa tradución do alemán do libro Tópica y jurisprudencia de Theodor Viehweg. O reitor saúda ao novo honoris causa da USC (Foto: Santi Alvite) O Salón Nobre encheuse para escoitar a lección do xurista burgalés (Foto: Santi Alvite) Imaxe da comitiva académica que acompañaba ao novo doutor honoris causa (Foto: Santi Alvite)

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.10.2013.