XuvenCiencia achega o kit Fotometrix a 10.000 estudantes daneses a través da Universidade de Copenhague
Os kits Fotometrix desenvolvidos polo grupo de innovación docente XuvenCiencia do Campus de Lugo da USC, a través dos que é posible a análise de proteínas nun líquido biolóxico a partir da fotometría, forman xa parte das actividades cotiás que está a realizar co alumnado o departamento de Extensión Docente da Facultade de Ciencias da Universidade de Copenhague (Dinamarca), que agarda que esta formación en experimentación chegue a 10.000 estudantes este curso.
O kit Fotometrix Análise Fotométrica do Contido de Proteína do grupo XuvenCiencia, un dispositivo desenvolvido por Wajih Al-Soufi e Mercedes Novo xunto con outros profesores e investigadores da Facultade de Ciecias e da EPS de Enxeñaría do Campus Terra da USC, ten como obxectivo familiarizar o alumnado coa análise química e bioquímica. Este kit de experimentación, que constitúe un dos recursos innovadores máis atractivos que se está a presentar esta semana na principal feira educativa de Dinamarca, emprega unha ferramenta de amplo uso nos laboratorios, como é o fotómetro, e aplícaa á determinación analítica da proteína contida nun alimento.
A parte central deste kit de experimentación está constituída por un innovador fotómetro móbil baseado no micro-controlador de hardware libre Arduino e a impresión 3D. Este fotómetro realiza as medidas de absorbancia cunha precisión sorprendente para o seu tamaño e custo. Tamén xera unha rede wifi propia que conecta co móbil do usuario para controlar o fotómetro.
As prestacións que ofrece este dispositivo de experimentación son múltiples, sinalan desde XuvenCiencia, para logo engadir que a Universidade de Copenhague probou xa nas últimas datas as aplicacións do kit Fotometrix con estudantes de ensino medio e tamén con alumnado de Formación do Profesorado. Os responsables académicos da universidade danesa están a traballar cos kits Fotometrix de XuvenCiencia no ámbito da bioquímica e da ciencia dos alimentos, baixo a narrativa central das fontes de proteína de procedencia non animal, unha dimensión que consideran esencial tanto para a formación dos consumidores como para achegarlle ferramentas de traballo á industria alimentaria.
A responsable do departamento de Extensión Docente da Facultade de Ciencias da Universidade de Copenhague, Torben Ingerslev Roug, explica neste senso que o Cirkus Naturligvis, o espazo desde o que se están a empregar os kits Fotometrix de XuvenCiencia, é “un servizo que provee experiencias de aprendizaxe atraíntes para aulas de colexios e institutos dentro da Universidade de Copenhague”. Esta investigadora nórdica engadiu que “o equipo de Cirkus Naturligvis está a desenvolver actividades que abordan a dimensión socio-científica de mover o eixo do sistema alimentario cara a unha dieta máis sustentable e baseada no consumo de vexetais”.
Ferramentas económicas e fiables
A incorporación dos kits Fotometrix de XuvenCiencia á actividade docente e de experimentación da Universidade de Copenhague responde á necesidade de “dispor de ferramentas económicas e fiables para o alumnado dos graos de oitavo a décimo (terceiro e cuarto de ESO), a fin de poder investigar así o contido e a calidade das proteínas en produtos que atopan nas súas vidas diarias”, sinala Torben Ingerslev Roug. Esta docente da Facultade de Ciencias da Universidade de Copenhague cree que “os kits Fotometrix permiten ao alumnado “poder de desenvolver as súas conclusións científicas propias, ao tempo que forman o seu pensamento crítico sobre o tema, no canto de unicamente aceptar a información que lles chega a través doutras fontes”.
Alén das aplicacións prácticas dos kits Fotometrix, un dispositivo creado na sede universitaria luguesa e en cuxa creación e optimización tamén participaron os profesores da USC Ramiro Rueda, Jorge Dafonte, Miguel Ánxo González García e Javier López González, a Universidade de Copenhague confía en que estes kits de experimentación, dos que tivo coñecemento a través da súa participación no proxecto europeo Phereclos de open Schooling, “inspiren algúns dos máis de dez mil estudantes, e o seu profesorado, aos que chegamos cada curso”, apunta Ingerslev Roug, quen salienta a importancia de “intercambiar ideas e experiencias a escala internacional”.