O XVII Congreso da Asociación Española de Toxicoloxía celebrarase na Facultade de Medicina entre os días 26 e 28
O XVII Congreso da Asociación Española de Toxicoloxía desenvolverase na Facultade de Medicina da USC entre os días 26 e 28 co obxectivo de ser un foro de discusión e achega dos traballos dos toxicólogos españois, europeos e latinoamericanos, así como dos investigadores de áreas afíns. Durante os tres días do encontro, preto de douscentos congresistas presentarán un total de 190 relatorios que abarcan os diferentes campos da disciplina.
A inauguración oficial deste encontro celebrarase o mércores 26 a partir das 9:00 horas no Salón de Actos do centro compostelán. Deseguido, a directora de Educación da International Association of Therapeutic Drug Monitoring & Clinical Toxicology, Marylin Huestis, pronunciará a conferencia inaugural do congreso sobre ‘The importance of Cannabis Pharmacokinetics to the Interpretation of Toxicological Results’ na que disertará sobre a importancia do coñecemento da cinética do Cannabis para a interpretación dos resultados analíticos. Pola súa banda, o catedrático de Medicina Lega da USC, Luis Concheiro, pechará o encontro tratando a evolución histórica na investigación postmortem das intoxicacións, mentres que o investigador Óscar Miró valorará os resultados dos últimos quince anos na investigación toxicolóxica en España.
O programa deste congreso presentárono esta mañá os presidentes do Comité Organizador e Científico, os catedráticos de Toxicoloxía da USC Manuel López-Rivadulla e Ana Bermejo, respectivamente. O Congreso, que ten unha periodicidade bianual, celébrase en Santiago logo das anteriores edicións en Cáceres e Valencia, para tratar asuntos relacionados coa toxicoloxía clínica e forense, seguridade alimentaria, riscos químicos no traballo, toxicoloxía veterinaria, ambiental e experimental.
Bloques temáticosNo eido da toxicoloxía clínica o congreso permitirá o fomento das relacións entre profesionais implicados no labor asistencial con especial atención aos facultativos dos servizos de urxencia, coidados intensivos, laboratorios de toxicoloxía, servizos de información e áreas docentes. Ademais tratarase de avaliar e presentar alternativas da toxicidade, estimulando a participación de investigadores españois en programas de prevalidación ou validación de ensaios.
Outros dos temas presentes no programa serán o da seguridade alimentaria e os riscos químicos no traballo. No primeiro caso este foro servirá para divulgar os últimos avances neste eido especialmente no relativo aos xenobióticos presentes ou formados nos alimentos. Polo que respecta aos riscos químicos, nos últimos anos a prevención laboral relacionada coa exposición a axentes químicos está adquirindo unha relevancia que require unha análise en profundidade por parte dos especialistas en Toxicoloxía Industrial. Neste senso, os especialistas participantes no congreso centraranse en presentar as últimas innovacións en materia de hixiene industrial encamiñadas á prevención das enfermidades laborais.
Unha atención especial á utilización de mostras alternativas así como ás novas posibilidades en canto á interpretación de resultados, serán os principais obxectivos a conseguir no apartado dedicado á toxicoloxía forense. As novas posibilidades que se abren co estudo paralelo entre niveis de droga e fármacos en sangue e as características xenéticas das persoas afectadas abren novas posibilidades de interpretación e valoración das intoxicacións que o tóxico xenético pode clarificar.
Os novos retos en sanidade animal relacionados coas exposicións aos axentes químicos por parte da fauna silvestre e doméstica e o estudo de métodos de ensaio de curta e longa duración utilizados na avaliación da carcinoxenicidade, a mutaxenicidade e a toxicidade para a reprodución de substancias e produtos químicos serán os temas a abordar nos bloques temáticos de toxicoloxía veterinaria e ambiental, respectivamente.
Os membros da Sección de Toxicoloxía Forense do Instituto de Medicina Legal da USC, anfitrións do evento, presentarán no transcurso do programa as últimas novidades nos traballos que desenvolven na actualidade sobre abuso das drogas e do alcol.
Completando o programa científico, o congreso inclúe unha sesión na que se analizará a implicación da Toxicoloxía na organización dos estudos de Posgrao dentro do proceso de integración do Espazo Europeo de Educación Superior e de Investigación.
Para acadar máis información, as persoas interesadas poden visitar a páxina web do Congreso (http://www.qronnos.com/aetox07/).