O XVII Encontro Universitario de Danza presenta este xoves no Vello Cárcere de Lugo coreografías de tres compañías da USC

O XVII Encontro Universitario de Danza levanta o pano este xoves 21 de marzo coa presentación de coreografías de tres compañías da USC. A formación independente de nova creación na USC Schattenidentitäten abre, a partir das 20.30 horas, no patio central do Vello Cárcere de Lugo, o programa de representacións deste certame artístico coa coreografía All the world's a stage, unha peza interpretada e con coreografía de Xina Menrad e José Vera. Esta produción é realidade grazas o programa anual da Área de Cultura de axudas á creación e proxectos das distintas agrupacións independentes de Danza e Teatro, que convoca a Vicerreitoría de Comunicación, Cultura e Servizos.
Logo da intervención desta formación independente da USC, a compañía da Aula de Danza Normal da Universidade de Coruña (UDC) presentará ao público lugués a obra ACCIÓNS, con coreografía de Rut Balbís. A compañía DanzaUSC-Lugo botará o pano da xornada inaugural deste encontro coa produción Permeables, con coreografía de Rosa Acuña.
A formación sénior, Sen Vergoña, integrada por alumnado do IV Ciclo do campus de Lugo da USC, abrirá, á mesma hora e no mesmo escenario o programa do 22 de marzo, coa presentación de Resilencia, con coreografía de Rosa Acuña. De seguido, a compañía DanzaUSCompostela porá en escena O solsticio de Piazzola, unha nova produción con coreografía de Xiana Vilas. A xornada rematará cunha nova intervención da Compañía DanzaUSC-Lugo. A entrada é libre e de balde para todas as actuacións.