Ir o contido principal

O XVIII Premio Aresa distingue a Escola Politécnica Superior de Enxeñaría como axente de modernización do medio rural

De esquerda a dereita, López, Rodríguez, Viaño, García e Bueno, na publicación do fallo do XVIII Premio Aresa
De esquerda a dereita, López, Rodríguez, Viaño, García e Bueno, na publicación do fallo do XVIII Premio Aresa
O xurado, presidido polo reitor Juan Viaño, resolve en Lugo o certame promovido polo grupo Aresa e a USC e ao que concorreron 14 candidaturas

O xurado do XVIII Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, un certame promovido de xeito continuado desde o ano 2000 polo grupo empresarial Aresa en colaboración coa USC, acordou distinguir con este galardón, dotado con 10.000 euros, a Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC pola súa “incuestionable contribución á modernización e ao desenvolvemento do medio rural galego durante os últimos 50 anos”, segundo salientou o reitor da USC, Juan Viaño, quen tamén agradeceu a concesión deste galardón a un centro universitario que comezou a súa actividade en Lugo hai 50 anos como Escola Universitaria de Enxeñaría Técnica Agrícola (Euita).

A candidatura gañadora resultou escollida por unanimidade entre un total de 14 propostas presentadas, logo de que os integrantes do xurado, presidido polo reitor da USC, Juan Viaño, examinaran a documentación recibida e tralas oportunas deliberacións ao respecto. O presidente do grupo empresarial Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras, o reitor da Universidade de León, Juan Francisco García Marín; o director do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, Manuel López Luaces, e o vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Javier Bueno, tamén formaron parte do tribunal encargado de xulgar as candidaturas presentadas ao XVIII Premio Aresa de Desenvolvemento Rural.

O presidente fundador de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras, salientou na súa intervención o importante cometido desenvolvido durante o último medio século no eido da docencia e tamén a través de proxectos de I+d+i pola EPSE da USC, un centro universitario que se ten convertido nun axente de importancia capital no proceso de modernización e desenvolvemento experimentado polo medio rural de Galicia.

Rodríguez Eiras destacou asemade a calidade de todas as candidaturas presentadas a esta edición do Premio Aresa, cuxa cerimonia de entrega se desenvolverá previsiblemente o 16 de febreiro de 2018 na Facultade de Veterinaria de Lugo, segundo adiantou.

A condición da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC, que este ano 2017 conmemora o 50 aniversario da implantación dos estudos de enxeñaría agrícola en Galicia, como centro de formación de centenares de enxeñerios do ámbito agrónomico e forestal, e o recoñecemento das súas titulacións de grao en Enxeñaría Forestal e do Medio Natural, Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria, Xeomática e Topografía e Enxeñaría Civil entre os mellores títulos universitarios de España, segundo o Ránking elaborado pola Fundación BBVA, son algúns dos méritos tidos en conta polo xurado na concesión do XVIII Premio Aresa, un fallo en cuxa votación non participaron o reitor da USC nin o vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, segundo relatou Rodríguez Eiras.

Premiados nas edicións anteriores

Na traxectoria do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, un galardón creado no ano 2000 e que acadou un recoñecido prestixio no sector, figuran premiados como o profesor da USC Javier Guitián (en 2001), a Aula de Produtos Lácteos (2002) ou a Facultade de Veterinaria (2008). Fóra do ámbito universitario, outros gañadores foron a IXP Ternera Gallega (2004), o programa de TVG ‘O Agro-labranza’ (2005), a D.O. Ribeira Sacra (2006), a Asociación de Criadores de Rubia Galega - Acruga (2010) e a Sociedade Agraria de Transformación ‘Montes de Trabada’ (2011).

Recibiron tamén este galardón o director xeral de Agricultura da Comisión Europea, o lucense Xosé Manuel Rodríguez Silva (2003); os impulsores da queixería Casa Macán (2007); e empresas como a industria cárnica Nova Novafrigsa (2000), Ingapán (2009), Champivil (2012), Alibós Galicia, que foi a gañadora da edición de 2013, e a Denominación de Orixe Protexida San Simón da Costa, que recibiu este galardón na súa edición de 2014. O grupo empresarial galego Agroamb, que atopa a súa sede empresarial no concello lugués de Castro de Rei, resultou merecedor do premio na edición de 2015, mentres que o galardón recaeu o pasado ano 2016 na Asociación Ovica.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 22.12.2017.