Ir o contido principal

O XX Coloquio de Historia da Educación citará Monforte de Lemos uns 200 investigadores procedentes de máis de 50 universidades

De esquerda a dereita, Otero, Carrera, Tomé e Cid, na presentación do XX Coloquio de Historia da Educación en Monforte
De esquerda a dereita, Otero, Carrera, Tomé e Cid, na presentación do XX Coloquio de Historia da Educación en Monforte
Investigadores de universidades españolas e estranxeiras tratarán do 9 ao 12 de xullo de 2019 na cidade do Cabe sobre identidades, internacionalismo, pacifismo e educación

Monforte de Lemos recuperará para a actualidade a fonda tradición escolar que de sempre caracterizou a cidade do Cabe coa celebración do XX Coloquio de Historia da Educación, un congreso de carácter internacional que citará do 9 ao 12 de xullo de 2019 na capital da Ribeira Sacra a investigadores de universidades españolas e estranxeiras para tratar sobre cuestións transversais na educación como o son as identidades o internacionalismo e o pacifismo.

A cita programada en Monforte para o verán de 2019 está organizada polas tres universidades galegas, en colaboración coas universidades de Florencia, Lisboa e Santa Catalina do Sul (Brasil), ademais doutras entidades científicas de España, Portugal, Brasil, Italia, Mexico, Arxentina, Uruguay, Colombia e outros países, así como coa Sociedade Española de Historia da Educación (Sedhe). A celebración deste foro en Monforte supón a segunda vez que estes espazos de avance e difusión científica no campo da historia da educación recalan en Galicia (Santiago de Compostela acolleu a edición de 1990) logo de percorrer boa parte das universidades españolas desde a súa posta en marcha en 1982.

O presidente da Sociedade Española de Historia da Educación, o catedrático de Teoría e Historia da Educación da USC na Facultade de Formación do Profesorado de Lugo, Eugenio Otero Urtaza, afondou este martes na presentación do XX Coloquio de Historia da Educación no consistorio monfortino sobre tradición en España e a pertinencia destes foros científicos de periodicidade bienal e carácter monográfico, cuxa temática de edicións anteriores abordou cuestións relacionadas co tratamento na educación de imaxes, discursos e textos; xenealoxoía e desenvolvemento do sistema educativo liberal trala Constitución de Cádiz, arte e oficio de ensinar, educación inclusiva...

O presidente do comité organizador do XX Coloquio de Historia da Educación, o profesor da Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense da Universidade de Vigo Xosé Manuel Cid, aproveitou a presentación deste congreso internacional, un acto no que tamén participou o alcalde do Concello de Monforte, José Tomé Roca, e a secretaira do congreso, María Victoria Carrera, para explicar o programa e o desenvolvemento dun foro científico estruturado inicialmente en conferencias científicas, presentación de comunicacións, visitas, simposios vinculados a proxectos de investigación en Historia da Educación e, entre outros, talleres prácticos sobre metodoloxía na docencia e na I+D neste eido do saber.

Cid explicou que o programa do Congreso está en fase en construcción, aínda que avanzou que o comité organizador agarda congregarna cidade do Cabe unha variada participación de expertos dos distintos países e universidades implicadas na organización e no Comité Científico. Daquela, Cid precisou que se prevé a participación de 200 especialistas procedentes de máis de 50 universidades.

O alcalde José Tomé Roca resaltou na súa intervención o que significa para Monforte incorporar un proxecto científico desta categoría, na programación do próximo verán, deixando constancia da importancia que ten a educación monfortina no panorama da historia da educación, con diversas inicativas públicas e privadas de educación, desde séculos pasados.

Obxecto do debate

A secretaria do congreso, a monfortina María Victoria Carrera, que é profesora no campus de Ourense, debuxou o tema obxecto de debate nesta edición dos coloquios. Lembrou que na construcción e desenvolvemnto histórico dos sistemas educativos interviron factores e motivacións culturais, políticas, relixiosas, idiomáticas, económicas. Algúns dos factores apuntan á cuestión das identidades, por unha parte, e ao internacionalismo, de outra.

Alén do etnocentrismo ou das limitacións ‘comunitaristas’, engadiu Carrera, tamén se rexistran orientacións internacionalistas, presentes no movemento obreiro, nos impulsos libertarios e masónicos, nas prácticas do movemento internacional da Escola Nova... que se propuñan sentar líñas para a construción dunha Humanidade nova, sendo ahí onde se enmarca a apelación ao Pacifismo, en relación tanto coa formación moral a través da educación ‒con relevante protagonismo da educación social‒, como á construcción de discursos pedagóxicos de ámbito transnacional. A segunda metade do seculo XX baixo o convencemento da necesidade de construír sociedades pacíficas, viu nacer unha crecente rede de institucións e servizos a prol da cooperación internacional, relatou.

Prazos e inscrición

As persoas interesadas en achegar suxestións respecto dos talleres ou actividades prácticas a desenvolver no marco deste foro poderán facer as súas respectivas aportacións ata o 25 de outubro, mentres que o prazo de presentación de comunicacións para o XX Coloquio de Historia da Educación permanecerá aberto ata un mes máis tarde. A información sobre os prazos e prezos das taxas de inscrición este congreso científico, así como o programa de actividades complementarias poderán consultarse ao longo deste mes na páxina web da Sociedade Española de Historia da Educación e tamén na propia web da Facultade de Ciencias da Educación da UVigo, que acubillará a sede oficial deste congreso internacional.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.09.2018.