O XX Premio Aresa de Desenvolvemento Rural distingue o labor da Asociación de Criadores de Raza Porcina Celta (Asoporcel)
O xurado do XX Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, un certame promovido de xeito continuado desde o ano 2000 polo grupo empresarial Aresa en colaboración coa USC, acordou distinguir con este galardón, dotado con 10.000 euros en metálico, ademais de placa conmemorativa, a candidatura presentada pola Asociación de Criadores de Raza Porcina Celta (Asoporcel) pola súa contribución á posta en valor desta raza autóctona galega e dos seus produtos.
Os cinco membros do xurado, que estivo presidido polo reitor da USC, Antonio López Díaz; e do que tamén formaron parte a vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel Armesto; o presidente do grupo Nogar e da Asociación Galega da Empresa Familiar, Víctor Nogueira García; o catedrático de Medicina Legal da USC e experto internacional en Xenética, Ángel Carracedo Álvarez, ademais do presidente de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras, fixeron público o seu fallo este mércores na Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo, logo de avaliar polo miúdo as 13 candidaturas presentadas a este galardón de prestixio.
Os membros do xurado prestaron especial atención a aquelas candidaturas que apostan pola innovación, xeran postos de traballo de calidade no rural e achegan valor aos produtos da terra, ao tempo que contribúen á recuperación de subsectores agrícolas e gandeiros tradicionais con potencial para desenvolverse. Daquela, o reitor da USC, Antonio López, afirmou que “a candidatura de Asorporcel resultou gañadora logo de resultar escollida por unanimidade e por cumprir con todos os requisitos das bases do premio”.
“Asoporcel é un proxecto nado en 1999 que, cando está a celebrar o seu vixésimo aniversario, xa está convertido nunha realidade que abrangue a máis de 135 socios e máis de 3.000 cabezas de gando porcino de raza celta. O volume de facturación de Asoporcel supera xa o millón de euros ao ano”, relatou o reitor da USC, para logo engadir que a contribución de Asoporcel á posta en valor da raza de porco celta e dos seus produtos, feitos en Galicia, son razóns que acreditan a concesión deste galardón”.
O presidente do Grupo Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras, agradeceu a todos os membros do xurado o seu traballo e esforzo para tomar a decisión acertada e anunciou a data da gala de entrega do XX Premio Aresa, un acto público que se desenvolverá o 28 de febreiro de 2020 no marco dunha cerimonia que se celebrará no auditorio da Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo.
Alén de salientar os méritos da candidatura gañadora, o reitor da USC tamén puxo en valor a calidade do resto de propostas presentadas: Traballos realizados sobre agricultura galega, presentados por Ramón Fuentes Colmeiro; Greenalia SA; Cátedra do Pan e do Cereal Dacunha da USC, de M. Belén García, Ángeles Romero e Santiago Pereira; Creación e lanzamento da marca de calidade Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, por parte da Asociación de Desenvolvemento Rural “Mariñas de Betanzos”; Confederación de Empresarios de Lugo; Proxecto museístico do Museo Vivo e Integrado do Campo e da Locomoción Agraria (Muvicla), por Marcos Vázquez Marey; Proxecto Cultivando Galicia, de Pablo Antonio Fraga Gontán; Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida Cebreiro; Centro de Promoción Rural EFA-Fonteboa; Gandería Quintiáns; Coren Cooperativas Ourensás, e Cooperativa A Carqueixa.