Ir o contido principal

O XX Premio Aresa de Desenvolvemento Rural mantén aberto ata o 25 de outubro o prazo de presentación de candidaturas

De esquerda a dereita, Álvaro Rodríguez Eiras, Montserrat Valcárcel e Carlota López, na Vicerreitoría de Coordinación de Lugo
De esquerda a dereita, Álvaro Rodríguez Eiras, Montserrat Valcárcel e Carlota López, na Vicerreitoría de Coordinación de Lugo
O galardón promovido pola USC e Aresa adiantou 20 anos a preocupación pola sustentabilidade ambiental que agora figura en todas as axendas políticas, di Valcárcel
Lugo

A USC e Aresa manteñen aberto ata o 25 de outubro de 2019 o prazo de presentación de candidaturas ao XX Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, un galardón que botou a andar hai xa dúas décadas a iniciativa do grupo empresarial lugués e da USC co obxectivo de contribuír ao desenvolvemento do medio rural e á mellora da calidade de vida dos seus habitantes, un cometido que segue a ser hoxe a nosa prioridade, segundo lembrou o presidente de Aresa.

Álvaro Rodríguez Eiras realizou estas declaración na presentación das bases que rexen a nova convocatoria deste certame, no marco dun acto no que a vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo da USC, Montserrat Valcárcel Armesto, salientou que a posta en marcha deste galardón constituíu, ademais dunha aposta pertinente a prol do medio rural e do desenvolvemento sustentable, “unha acción avanzada aos tempos, xa que a conservación do medio ambiente e a súa sustentabilidade é un tema que está hoxe máis que nunca en todas as axendas sociais e políticas”.

O Premio Aresa de Desenvolvemento Rural distingue cada ano iniciativas e proxectos presentados por entidades, empresas, grupos de investigación, asociacións ou persoas individuais, que contribúan á mellora do benestar das persoas que viven e traballan no medio rural galego, recalcou Carlota López, adxunta á presidencia de Aresa, quen recoñeceu que “o éxito colleitado por este galardón desde o seu nacemento superou con creces as mellores expectativas”.

A mellora do benestar da persoas que viven no medio rural é o fin último do Premio Aresa, sinalou López, para logo engadir que este galardón tamén posibilitou que a temática agroforestal e gandeira superara os espazos propiamente rurais para ser obxecto de análise e debate en foros económicos, científicos e políticos.

As bases polas que se rexe a convocatoria do XX Premio Aresa de Desenvolvemento Rural están accesibles s na web www.premioaresa.com e os aspirantes deben entregar a documentación correspondente nos rexistros xerais dos campus universitarios de Lugo (no Edificio dos Servizos Centrais) ou de Santiago de Compostela (no Colexio de San Xerome) antes das 14.00 horas do venres 25 de outubro de 2019.

Unha vez rematado o prazo de presentación de candidaturas, un xurado especializado será o encargado de fallar a vixésima edición deste galardón, un premio dotado con 10.000 euros en metálico, ademais de placa conmemorativa, que se entregará no marco dunha cerimonia solemne, dixo Rodríguez Eiras, quen tamén avanzou o seu de desexo de organizar algún acto especial co gallo do vinte aniversario.

O presidente de Aresa comentou asemade que esta iniciativa foi testemuña ao longo das últimas dúas décadas do grande proceso de transformación experimentado polo agro galego nas últimas décadas, nas que se pasou dunha agricultura de subsistencia a unha produción intensiva, innovadora e de calidade que permite, ademais de frear a desertización do campo, abastecer os mercados locais e incluso para exportar a outros lugares do mundo.

Premiados nas edicións anteriores

Na traxectoria do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, un galardón creado no ano 2000 e que acadou un recoñecido prestixio no sector, figuran premiados como o profesor da USC Javier Guitián (en 2001), a Aula de Produtos Lácteos (2002) ou a Facultade de Veterinaria (2008). Fóra do ámbito universitario, outros gañadores foron a IXP Ternera Gallega (2004), o programa de TVG ‘O Agro-labranza’ (2005), a D.O. Ribeira Sacra (2006), a Asociación de Criadores de Rubia Galega - Acruga (2010) e a Sociedade Agraria de Transformación ‘Montes de Trabada’ (2011).

Recibiron tamén este galardón o director xeral de Agricultura da Comisión Europea, o lucense Xosé Manuel Rodríguez Silva (2003); os impulsores da queixería Casa Macán (2007); e empresas como a industria cárnica Nova Novafrigsa (2000), Ingapán (2009), Champivil (2012), Alibós Galicia, que foi a gañadora da edición de 2013, e a Denominación de Orixe Protexida San Simón da Costa, que recibiu este galardón na súa edición de 2014. O grupo empresarial galego Agroamb, que atopa a súa sede empresarial no concello lugués de Castro de Rei, resultou merecedor do premio na edición de 2015, mentres que o galardón recaeu na Asociación Ovica en 2016; na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) da USC en 2018, mentres que o premio foi na edición de 2019 para o Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega).

Os contidos desta páxina actualizáronse o 19.12.2019.