Ir o contido principal

Os XXII Encontros de Educación para a Paz analiza a posta en marcha da materia 'Educación para a Cidadanía'

O Seminario Galego de Educación para a Paz organiza unha nova edición dos seus Encontros baixo o lema 'Educar para a Cidadanía e os Dereitos Humanos'

Os XXII Encontros de Educación para a Paz dará a coñecer o currículo da nova materia ‘Educación para a Cidadanía’, destinada aos estudantes de Primaria, Secundaria e Bacharelato. O Encontro, que este ano ten por lema “Educar para a Cidadanía e os Dereitos Humanos”, presentouse esta mañá nun acto no que participaron o vicerreitor de Relacións Institucionais da USC, Lourenzo Fernández Prieto, e o presidente do Seminario Galego de Educación para a Paz, Manuel Dios Diz.
As xornadas, que terán lugar os días 1, 2 e 3 de marzo na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, teñen como obxectivo converterse nun foro de diálogo e de intercambio de experiencias educativas entre profesores, alumnos, organizacións non lucrativas e a sociedade en xeral. Con vinteún edicións monográficas celebradas ata o momento, estas sesións acollen de xeito anual a preto de 300 asistentes entre os que destaca a presenza do estudantado universitario, segundo puxo de manifesto Manuel Dios.
Durante a presentación, Lourenzo Fernández fixo fincapé no interese destas reunións que abordan o debate actual pero “antigo” acerca do laicismo na educación. Ademais, o vicerreitor subliñou o interese da USC en temas vinculados co fomento da paz e lembrou a necesidade dunha memoria histórica porque “recordar a guerra é construír a paz”.
Asemade, Manuel Dios anunciou neste acto que, durante o transcurso da primeira sesión do Encontro, presentarase unha unidade didáctica sobre a educación para a cidadanía e dereitos humanos elaborada polo membro fundador do Seminario Galego de Educación para a Paz e catedrático de Filosofía, Moisés Lozano.
Programa das xornadasA primeira xornada comezará o xoves, día 1 de marzo, ás 18:30 horas cunha conferencia titulada “Educación, cidadanía e dereitos humanos na Alianza de Civilizacións” que pronunciará o ex director xeral da UNESCO, presidente da Fundación Cultura de Paz e codirector do Grupo de Alto Nivel de Nacións Unidas para a Alianza de Civilizacións, Federico Mayor Zaragoza. A continuación, ás 20:00 horas, o secretario de Estado de Educación, Alejandro Tiana, explicará cómo se contempla na nova Lei Orgánica de Educación a posta en marcha da materia ‘Educación para a Cidadanía’.
Os actos de segunda sesión, o venres 2 de marzo, abrirán ás 18:00 horas cunha mesa redonda sobre participación, calidade do ensino e cidadanía na que participarán a presidenta do Consello Escolar do Estado, Carmen Maestro; e a vicepresidenta do Consello Escolar de Galicia, Milagros Blanco. Despois, o catedrático de Dereito Eclesiástico do Estado na Universidade Complutense de Madrid, Dionisio Llamazares, profundará nas cuestións da aconfesionalidade, o laicismo e a cidadanía democrática.
A última xornada dará comezo ás 10:00 horas con varios obradoiros simultáneos nos que se explicarán algunhas experiencias prácticas de convivencia democrática realizadas en centros educativos galegos. Pola tarde, a xornada seguirá cunha mesa redonda na que se profundará acerca dos enfoques para o currículo da nova materia ‘Educación para a Cidadanía’. Deseguido, a catedrática de Filosofía Moral e Política da USC, María Xosé Agra Romero, pronunciará a conferencia de clausura “Convivencia e Cidadanía”.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.02.2007.