Ir o contido principal

O XXIII Premio Aresa recoñece o “soño de 50 anos de historia na Galicia rural ” de Casa Grande de Xanceda

A fundadora de Casa Grande de Xanceda, Cristina Ferández Armesto, amosa a placa do Premio Aresa, arroupada polos organizadores e autoridades
A fundadora de Casa Grande de Xanceda, Cristina Ferández Armesto, amosa a placa do Premio Aresa, arroupada polos organizadores e autoridades
Antonio López e Alfonso Rueda presiden a entrega do galardón convocado pola USC e Aresa nunha concorrida cerimonia celebrada na Facultade de Veterinaria, na que a vicepresidente de Aresa, Carlota López, salientou a importancia do sector agrogandeiro e a Ceo de Leche Río, Carmen Lence, advertiu da necesidade de manter a muller no medio rural para garantir o seu futuro
Lugo

O Premio Aresa supón un recoñecemento a “un soño de 50 anos de historia na Galicia rural”, segundo se puxo de manifesto este venres na cerimonia de entrega da vixésima terceira edición do galardón convocado polo Aresa e USC, no marco dunha sesión na que interviron como relatores o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, o reitor da USC, Antonio López; o presidente fundador de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras, e a Ceo de Leche Río, Carmen Lence, que ofreceu a lección maxistral ‘Unha historia de superación’.

Na súa intervención, Carmen Lence, que tamén formou parte do xurado do XXIII Premio Aresa xunto co reitor da USC e o presidente da comisión científica externa do Campus Terra, Marius Rubiralta, repasou a grandes trazos a historia do Grupo Leche Río, unha láctea creada en 1975 por Jesús Lence, ao tempo que puxo en valor o impacto e a fonda pegada xerada pola súa actividade empresarial a prol do desenvolvemento rural.

“O medio rural ten unha importancia capital en cuestións vitais como son a loita contra o cambio climático e o despoboamento ou a subministración de alimentos frescos”. Lence subliñou asemade o valor de manter a muller no campo e de atraer a máis, porque “dúas de cada tres persoas que deixan o rural son mulleres en idade fértil e, se elas se van, o rural non ten futuro; así de simple”, sentenciou.

A vicepresidenta de Aresa, Carlota López Pardo, abundou nesta mesma idea, ao tempo que puxo o foco na transformación experimentada no medio rural desde o nacemento do Premio  Aresa. “O sector agrogandeiro como produtor de alimentos, cunha excelente e merecida reputación, e como creador de riqueza constitúe un elemento esencial para Galicia, polo que cómpre facer unha aposta como sociedade a prol deste colectivo”. 

López Pardo trasladou os parabéns de Aresa á candidatura galardoada, respecto da que sinalou que “Casa Grande de Xanceda é un exemplo de éxito dunha emprendedora que retorna ao campo e converte un negocio familiar nunha empresa exemplar e de referencia”.

O reitor da USC sumou tamén as felicitacións da USC á candidatura premiada, personalizadas neste caso na súa socia fundadora, Cristina Fernández-Armesto, e na responsable de Marketing e Responsabilidade Social Corporativa de Casa Grande de Xanceda, Sara Torreiro, que foron as encargadas de recoller o premio. López manifestou tamén os seus agradecementos ao presidente do grupo Aresa por manter ano tras ano a convocatoria deste galardón, ao tempo que fixo fincapé na importancia real e potencial do Campus Terra da USC para os sectores produtivos ligados coas actividades agrogandeiras e forestais, así como para as empresas e industrias transformadoras. O reitor da USC reiterou asemade neste foro a necesidade de afondar na conexión entre universidade e sociedade a través da docencia, a investigación e a transferencia de coñecemento.

Casa Grande de Xanceda 

Agradecida pola distinción recibida, a responsable de Marketing e RSC de Casa Grande de Xanceda, Sara Torreiro, asegurou que “o Premio Aresa supón o recoñecemento a un soño de 50 anos de historia na Galicia rural, o soño dos fundadores da granxa, os xornalistas galegos Felipe e Victoria Armesto. Un recoñecemento tamén á filosofía de que a gandería pode ser ecolóxica e preservar os valores da paisaxe e de que pode ser rendible e crear empregos”. 

Torreiro enumerou algunhas cifras alarmantes sobre perda de biodiversidade constatadas pola Unión Europea para logo reclamar que “se deixen de ver as vacas como un problema, porque son parte da solución. Onde hai vacas, persoas e traballo non hai monocultivos nin incendios nin abandonos”, dixo Torreiro, quen tamén demandou a aposta das administracións pola produción en ecolóxico.

Diante dun auditorio de Veterinaria ateigado de público, entre o que se atopaban a alcaldesa do Concello de Lugo, Lara Méndez; o conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez; a Subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez; a vicepresidenta do Parlamento de Galicia, Elena Candia; o secretario Xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; a secretaria Xeral da USC, Dulce García Mella; o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias; ademais doutros representantes políticos, a delegada do reitor da USC para o Campus Terra, Elvira López Mosquera, decanos e directores de centros universitarios, docentes e investigadores, así como empresarios e axentes ligados co sector primario.

Antonio López tampouco reparou en eloxios para a Ceo de Leche Río, Carmen Lence, pola súa exposición chega de vida pegada á terra, así como para Casa Grande de Xanceda, xa que "é un orgullo e un motivo de felicidade que este ano se lle conceda este galardón a unha empresa liderada por unha muller, en alusión a Cristina Fernández-Armesto, que decidiu vir da cidade ao rural a investir e a promover e dar continuidade a unha iniciativa emprendida no seu día polos seus avós”, dixo.

Palmarés do Premio Aresa

Na traxectoria de galardoados do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural figuran Novafrigsa (2000), o catedrático da USC Javier Guitián Rivera (2001), a Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias da USC (2002), o ex director xeral de Agricultura da Comisión Europea, José Manuel Silva (2003), a IXP Ternera Gallega (2004), o programa da Televisión de Galicia ‘O Agro-Labranza’ (2005), a DO Ribeira Sacra (2006), os impulsores da queixería Casa Macán (2007), a Facultade de Veterinaria de Lugo (2008), Ingapan (2009), Acruga (2010), a SAT Monte de Trabada (2011), Champivil (2012), Alibós Galicia (2013), a DOP Queixo San Simón da Costa (2014), Agroamb (2015), a Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galica (Ovica) (2016), a Escola Politécnica Superior de Enxeñería de Lugo (2017), o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia, (Craega) (2018), a Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta (Asoporcel) (2019), Cooperativa A Carqueixa (2020), e o Centro de Promoción Rural EFA-Fonteboa, que resultou gañadora do premio na edición de 2021.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.03.2023.