Ir o contido principal

O XXIV Maratón Fotográfico do Campus Terra da USC distingue as imaxes captadas por Obed Marshall Díaz e Iago Viana González

De esquerda a dereita, Ochoa, Rodríguez, Valcárcel, Marshall, García, Rielo e Zapata, na entrega dos premios do XXIV Maratón Fotográfico do Campus
De esquerda a dereita, Ochoa, Rodríguez, Valcárcel, Marshall, García, Rielo e Zapata, na entrega dos premios do XXIV Maratón Fotográfico do Campus
Unha escolma de 36 fotografías presentadas ao certame permanece exposta ao público nas dependencias do Vello Cárcere de Lugo

O Maratón Fotográfico do Campus Terra, un certame promovido polo grupo cinematográfico Fonmiñá en colaboración coa USC ao abeiro do convenio Lugo Cultural, distingue na súa vixésima cuarta edición as imaxes captadas por Obed Marshall Díaz, galardoado co Premio Carlos Valcárcel –dotado con 350 euros, trofeo e diploma- por ‘Sombras do pasado’, e Iago Viana González, que recibiu o premio -250 euros, trofeo e diploma- á mellor fotografía presentada na modalidade de tema libre por ‘XIX’.

O xurado encargado de fallar os galardóns deste certame fotográfico, que se desenvolveu arredor da temática 'Os fíos da memoria' acordou, á vista da calidade dos traballos presentados a concurso, a concesión dun accésit a Diego Rodríguez López, pola fotografía ‘Escravos do pasado’.

A entrega de premios da vixésima cuarta edición do Maratón Fotográfico do Campus Terra da USC desenvolveuse este xoves no centro cívico O Vello Cárcere de Lugo, no marco dunha sesión na que participaron a vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo, Montserrat Valcárcel; o adxunto á referida vicerreitoría para Cultura, Jesús Varela Zapata; a deputada provincial delegada da área de Cultura, Artesanía e Deseño, Pilar García Porto; a concelleira de Cidadanía do Concello de Lugo, Rosana Rielo; o fotógrafo lugués Carlos Valcárcel, quen dá nome a un dos premios do certame, e o coordinador do Espazo de Fotografía da USC, Eduardo Ochoa.

Unha vez rematada a cerimonia de entrega de premios e diplomas ás persoas participantes na última edición do certame, as autoridades e o público presente procederon á inauguración da mostra dunha escolma dos traballos presentados ao XXIV Maratón Fotográfico do Campus Terra da USC. Esta exposición, que inclúe imaxes de cada un dos 36 participantes que presentaron as súas propostas artísticas a concurso, permanecerá aberta ao público durante as vindeiras semanas nas dependencias do Vello Cárcere de Lugo.

Pilar García, Montserrat Valcárcel e Rosana Rielo ollan dúas das fotografías expostas nunha cella do Vello Cárcere

Os contidos desta páxina actualizáronse o 08.11.2018.