A XXIV Mostra de Teatro Universitario de Galicia abre o pano o luns en Compostela
Compostela será a vindeira semana o escenario da Mostra de Teatro Universitario de Galicia, que este ano chega á súa vinte e catro edición. As representacións dos días 22, 23, 24 e 30 terán lugar no Teatro Principal ás 20.30 horas, e as dos días 26, 27 e 29 de abril na Sala Roberto Vidal Bolaño (Campus Sur) ás 21.00 horas.
A compañía independente Calopsia Teatro (USC, Curso de Iniciación ao Teatro) abre esta edición do festival o luns 22 de abril coa peza 'Salón Colorado (The Colorado Lounge)', de Helena Salgueiro.
O martes 23 é a quenda para a Compañía de teatro da USC do Campus de Lugo coa representación 'Deixando a pel', unha dramaturxia de Andrea González inspirada no personaxe de Sexismundo da obra ‘A vida é soño’, de Calderón de la Barca, na película 'Laurence Anyways', de Xavier Dolan, así como en relatos anónimos.
'Desequilibrios', unha dramaturxia de Fernando Dacosta inspirada en 'Alguén voou sobre o niño do cuco', de Ken Kesey, é a obra coa que o Grupo Maricastaña da Aula de teatro do Campus de Ourense intervén no festival o mércores 24.
A semana remata coa actuación o venres 26 da compañía independente da USC El Enredo, con 'Calígula', de Albert Camus, unha adaptación de Noelia Miguens e Andrés Fernández, e o sábado 27 coa peza ‘Ollos que non ven', de Marta Casais e Antía Cortegoso, a cargo da compañía independente Brinco de Venus, da USC.
Segunda semana
O luns 29 é o día no que a Aula de teatro da USC - Escola de Teatro representará 'Antropoloxía do bico (a síndrome do túnel carpiano)', unha peza con textos de Paulinho Pereiro, Laura Valeiras, Roberto Salgueiro, Maurice Blanchot e Leila Guerriero.
E finalmente, o día 30, a compañía independente 'Labarata Producións' (USC) representará 'Apto/Non apto', unha creación colectiva a partir de 'Os que non fan nada', de Issac Badía.
A entrada é de balde previo paso polo despacho de billetes, que abrirá ás 19.00 horas para as funcións no Teatro Principal, e ás 20.30 horas para as funcións na Sala de Teatro Roberto Vidal Bolaño.