Yolanda Díaz reivindica na USC a universidade pública: “o futuro pasa polo coñecemento”

“O futuro pasa polo coñecemento, o rigor, a investigación, a ciencia e a innovación”. Así o afirmou a vicepresidenta segunda do Goberno, Yolanda Díaz, na súa chegada á USC co gallo do trinta aniversario da Facultade de Ciencias Políticas e Sociais —adiado por mor da pandemia— e no marco do programa de actividades deseñado para conmemorar a festividade da Facultade de Relacións laborais que terá lugar o vindeiro 1 de maio.
A tamén ministra de Traballo e Economía Social subliñou a súa condición de egresada da USC, institución na que obtivo a súa licenciatura en Dereito. “Son o que son en parte pola casa da que veño pero tamén pola universidade pública e por estes profesores e profesoras”, dixo Díaz quen tamén destacou como a universidade pública garante unha sociedade igualitaria ao permitir o acceso “aos fillos e fillas de familias modestas”, motivo polo cal, continuou a ministra, debe recibir un financiamento axeitado.
O reitor Antonio López foi o encargado de recibir a Yolanda Díaz xunto co decano de Políticas, Ramón Bouzas; e as decanas de Dereito e Relacións Laborais, Ana Gude e Silvia Moscoso. “Este é un día especial xa que temos a grandísima honra de que unha alumna de grao e posgrao da USC teña acadado as máximas responsabilidades no Goberno”, afirmou o reitor. Pola súa parte, o profesor Bouzas, en representación dos tres centros, lembrou o vínculo de Yolanda Díaz coa USC e, nomeadamente, coas profesoras Marta Lois e Isabel Diz coas que ten participado en diversas iniciativas sobre xénero e política.
A vicepresidenta do Goberno impartiu o relatorio ‘Políticas públicas e desafíos políticos contra a precariedade laboral da mocidade. Por un novo contrato social que poña á xente moza no centro’. Neste senso, a ministra de Traballo e Economía Social lembrou como “na acción pública de éxito é preciso que haxa saber experto, saber rigoroso, ciencia e coñecemento”. Unha vez rematado o relatorio que puido seguirse dende os tres centros a través de aulas espello grazas a Teams, a vicepresidenta visitou a Facultade de Dereito na que obtivo a súa licenciatura.


